Igualdade destina 200.000 euros ao fomento do asocianismo e á participación das mulleres da comunidade galega

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presentaron estas axudas que publica hoxe o DOG

As axudas buscan fortalecer e consolidar o movemento asociativo promocionando hábitos de vida saudables e accións preventivas da violencia de xénero

O prazo de solicitudes estará aberto a partir do día de mañá e rematará o vindeiro luns 1 de setembro

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presentaron esta mañá a convocatoria para este ano das axudas económicas ao fomento do asociacionismo e á participación das mulleres
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presentaron esta mañá a convocatoria para este ano das axudas económicas ao fomento do asociacionismo e á participación das mulleres

Ourense, 1 de agosto de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presentaron esta maña a convocatoria para este ano das axudas económicas destinadas ás asociacións de mulleres e as súas federacións. En total, a Xunta fará unha achega de 200.000 euros para este fin, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

López Abella destacou a importancia da suma de esforzos e do asociacionismo feminino en Galicia e por iso explicou que a finalidade desta liña de axudas que hoxe mesmo publica o DOG é fortalecer, consolidar e dinamizar o movemento asociativo feminino promocionando hábitos de vida saudables e accións preventivas da violencia de xénero.

A modo de exemplo, a secretaria xeral lembrou que o ano pasado 127 entidades foron beneficiarias destas axudas e máis de 2.700 mulleres participaron nas actividades subvencionadas por Igualdade. É de destacar que a maioría destas asociación e mulleres pertencían á provincia de Ourense -57 entidades e 1.005 beneficiarias directas-, motivo polo que se elixiu a cidade das Burgas para facer a presentación de hoxe.

Tres liñas de axuda

As axudas distribuirase en tres liñas: consolidación do movemento asociativo; promoción de accións de sensibilización, información ou formación en materia de igualdade; e prevención da violencia de xénero e atención ás vítimas. Cada liña contará cunha partida de ata 75.000 euros, outorgándose estas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Poderán ser beneficiarias destas axudas previstas nesta convocatoria as asociacións e federacións de mulleres domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro e que teñan coma fin promover a igualdade entre homes e mulleres, ademais da participación destas na vida política, económica, cultural e social.

Como requisitos máis específicos, as entidades participantes deberán comprometerse á utilización da lingua galega, autorizar á Secretaría Xeral de Igualdade para que realice as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados e xustificar que as mulleres representan, polo menos, o 90 por cento da totalidade das persoas asociadas.

O prazo de presentación de solicitudes para participar nestas axudas abrirase maña sábado e finalizará o próximo luns 1 de setembro. As solicitudes deberan presentarse por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). Para realizar este trámite, será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos para estes procedementos.