Igualdade coordinará un estudo sobre o perfil do maltratador no que participan todas as administracións implicadas e que é pioneiro en España

O informe sobre o perfil do maltratador, unha proposta da Fiscalía Superior de Galicia, será un traballo multidisciplinar dun equipo formado por forzas e corpos de seguridade do Estado, Fiscalía Superior de Galicia e os equipos multidisciplinares do IMELGA, que van traballar con criterios e formularios específicos, co obxectivo de establecer os perfís dos maltratadores en Galicia. A secretaria xeral da Igualdade destacou a importancia de coñecer por que se produce o fenómeno da violencia, e que circunstancias ou características xenéricas se poden atopar nos diferentes tipos de agresores que existen, sendo fundamental a información do estudo para actuar máis eficazmente.

  •  Igualdade coordinará un estudo sobre o perfil do maltratador no que participan todas as administracións implicadas e que é pioneiro en España
  •  Igualdade coordinará un estudo sobre o perfil do maltratador no que participan todas as administracións implicadas e que é pioneiro en España

A Secretaría Xeral da Igualdade coordinará a realización dun informe para coñecer os perfís dos maltratadores en Galicia, un traballo multidisciplinar no que participarán todas as administracións implicadas na loita contra a violencia de xénero e co que a Comunidade Autónoma Galega será pioneira en España.

A realización deste estudo, a proposta da Fiscalía Superior de Galicia, é a principal conclusión da Reunión de Coordinación 2011 en Materia de Violencia de Xénero, que hoxe celebrou a Secretaría Xeral da Igualdade e na que participaron, a propia secretaria xeral, Marta González, o director xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Juan José Martín Álvarez, o director do Instituto de Medicina Legal de Galicia (INELGA), Benito López de Abajo, o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, que posteriormente compareceron ante os medios de comunicación.

Á reunión tamén asistiron o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, o director xeral de Interior da Consellería da Presidencia, Santiago Villanueva, a xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da Delegación do Goberno en Galicia, Laura Rodríguez Manso, o comisario xefe da Xefatura da Policía Autonómica de Galicia, o comisario principal da xefatura Superior de Policía de Galicia, o xefe da Unidade de Protección, Asistencia e Prevención da Xefatura Superior de Policía de Galicia e o tenente Xefe da Unidade de Policía Xudicial da Guarda Civil.

No encontro, que foi calificado de “intenso” polos/as participantes, analizouse a situación da violencia de xénero en Galicia en relación cos datos presentados pola Secretaría Xeral da Igualdade no seu informe anual ao Parlamento de Galicia relativo ao ano 2010, abordouse o asunto da reeducación dos maltratadores, e se incorporaron datos relativos ás actuacións policiais que se realizaron na nosa comunidade autónoma relativos á violencia de xénero.

Estudo pioneiro

Sen embargo, o principal asunto abordado foi a realización, a proposta da Fiscalía, dun informe que proporcione un perfil psicolóxico dos maltratadores en Galicia, “co obxectivo de que esa información poida proporcionar datos que permitan mellorar a seguridade das vítimas e ter ademais un coñecemento máis profundo da casuística que se da na nosa Comunidade Autónoma”, indicou a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, en rolda de prensa.

A responsable de igualdade do goberno galego explicou que, durante moitos anos, os estudos realizados sobre a violencia se centraron sobre todo nas vítimas, e agora se entende que, para atacar o problema da violencia de xénero, “é necesario ter un coñecemento igual, ou incluso maior, do perfil do agresor”.

“É preciso saber que circunstancias ou características xenéricas se poden atopar nos diferentes tipos de agresores que existen, por iso consideramos que toda esa información será fundamental para actuar aínda máis eficazmente”, sinalou González, que engadiu que en España “non hai ningún estudo desta envergadura, coa información de todas as administracións implicadas no proceso”.

A importancia da valoración do risco

Unha idea que compartiu o Fiscal Superior de Galicia, quen manifestou que é necesario “elaborar un traballo en clave interna de Galicia para saber cal son os contextos de vitimización en relación coa violencia de xénero, e ter parámetros a partir dos que poder definir con claridade este fenómeno”.

“É preciso saber os actos concretos, os instrumentos de violencia, onde ocorren, como reacciona a vítima, a idade, a relación de parentesco, os datos socioeconómicos, en definitiva, ter uns indicadores claros para poder actuar dende todos os eidos de forma más eficaz”, explicou Varela, que matizou que estes datos, xunto co papel que realiza o Instituto de Medicina Legal de Galicia, o IMELGA, “serán moi importantes para poder predicir os niveis de risco, detectalo e tentar evitar a agresión ou a morte dunha muller”.

Un traballo extraordinario e multidisciplinar

Pola súa banda o director do IMELGA, Benito López de Abajo, calificou este estudo de “unha empresa extraordinaria” xa que, ata agora, existían moitos datos parciais, xa que cada organismo elabora as súas propias memorias dependendo do seu traballo, o que supón non ter datos integrais e completos que permitan unha valoración adecuada da problemática.

O informe que se vai facer, dixo, “será o traballo dun equipo multidisciplinar, formado por forzas e corpos de seguridade do Estado, Fiscalía, profesionais da psicoloxía, do traballo social, da medicina forense, da psiquiatría, que traballarán cuns criterios comúns, todos co mesmos fin, para que ao final se consiga ter un perfil do maltratador en Galicia”.

“Un perfil serio e rigoroso. Esa é a intención de quen formamos parte dese equipo multidisciplinar, traballar moi profundamente na obtención dese perfil”, aseverou do director do IMELGA, que explicou que este estudo non estará concluído antes dun ano e medio, tempo mínimo para a recollida de datos de campo, para ver todos os factores temporais que poidan afectar, e despois, unha vez recollido, para a análise de todo ese material de traballo”.