Igualdade conmemora o Día contra a violencia de xénero cunha campaña de sensibilización, un ciclo de cine e unha exposición de carteis

A campaña, presentada esta mañá pola secretaria xeral, desenvolvese a partires de hoxe coa colaboración da CRTVG, que emite o spot e a cuña de radio; do CGAI, que cede as películas do ciclo, e da Federación Galega de Comercio, que distribuirá 30.000 carteis para ser expostos nos establecementos comerciais de Galicia

A campaña poderá verse en salas de cine, vallas e traseiras dos autobuses urbáns da Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo

Multimedia

Santiago, 15 de novembro de 2011.- A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia inicia hoxe a programación conmemorativa do Día internacional contra a violencia de xénero, que se celebra o 25 de novembro, co obxectivo de avanzar nunha maior implicación da sociedade na eliminación desta dramática forma de violencia. A programación, presentada esta mañá en rolda de prensa pola titular de Igualdade, Susana López Abella, inclúe unha campaña de sensibilización cun spot de Tv, cuñas de radio e cartelería, un ciclo de cine e unha exposición de carteis cinematográficos relacionados coa temática.

A campaña está pensada para fomentar a corresponsabilidade e unha implicación maior de toda a sociedade e do entorno familiar e de amizades das vítimas, cun chamamento especial para que se produzan estas denuncias, "porque a denuncia é necesaria, dixo a titular de Igualdade, para desencadenar os protocolos de protección á vítima e darlle seguridade".

A peza central da campaña é un spot de 20", que os espectadores poderán ver a partires de mañá tanto en TVG, que colabora desinteresadamente, como no festival Cineuropa, e a partires do día 25 en 112 salas de cine de Galicia. A imaxe da campaña poderá verse tamén en vallas e nas traseiras de autobuses urbáns das liñas máis frecuentadas da Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, e poderá escoitarse nas emisoras de radio.

O cine ante a violencia de xénero

Amais da campaña, Igualdade ten programado, en colaboración co CGAI, o ciclo “Por unha nova mirada: o cine ante a violencia de xénero” que ofrece unha selección de películas que amosan o dramatismo de tantas situacións de violencia que, por razóns de xénero, sofren as mulleres en todo o mundo. O ciclo, que se celebrará do 22 ao 25 de novembro na sala do CGAI na Coruña, está composto por tres títulos de gran calidade estética, formal e narrativa, Tyrannosaur (2011) de Paddy Considine, que ven de conseitar sucesivos premios en festivais internacionais; Domestic Violence de Frederick Wiseman, unha perspectiva analítica e minuciosa do maltrato que, en dúas partes, aborda a acción policial, os grupos de terapia, as actividades educativas e os centros de prevención e o rexistro penal; e Grbavica (2006) de Jasmila Sbanic, sobre as consecuencias da guerra en Iugoslavia, as múltiples traxedias derivadas do conflicto no que as mulleres son vítimas invisibles.

De xeito complementario, Igualdade organiza unha exposición de carteis cinematográficos da colección do CGAI, que se inaugura o día 25 na facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, no que será un percorrido por algunha das múltiples formas e puntos de vista polos que o cine se ten aproximado á violencia de xénero ao longo da historia.

Colaboración da Dirección Xeral de Comercio e da Federación de Comercio de Galicia

Os comercios e restaurantes de Galicia van colaborar expoñendo nos seus establecementos os 30.000 carteis editados para esta campaña, gracias ao convenio de Igualdade coa Dirección Xeral de Comercio e a Federación Galega de Comercio, que vai distribuir este material entre todos os seus asociados. Asemade, as librerías de Galicia distribuirán marcapáxinas da campaña.

1.117 mulleres con ordes de protección

En Galicia, un total de 1.117 mulleres teñen ordes de protección comunicadas polos xulgados, 158 cobran as axudas mensuais que oscilan entre 300 e 800 euros e outras 42 mulleres, que teñen acreditado insuficiencia de recursos, teñen percibido este ano un pago único que oscila entre os 6.000 e os 7.000 euros, segundo os datos facilitados na rolda de prensa pola subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste.