Igualdade aumenta en 2014 as axudas a entidades sen ánimo de lucro que axudan a mulleres en situación de trata e prostitución

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá en Lugo as sedes de Cáritas e de Aliad Ultreia, dúas das once entidades beneficiadas

Cáritas Lugo triplica a súa axuda e Aliad Ultreia recibirá máis do dobre

Ambas entidades axudaron o ano pasado a 544 mulleres, na súa maioría procedentes de Brasil, República Dominicana, Colombia e España

O ano pasado asináronse 11 convenios de colaboración para este tipo de programas, cun investimento 292.000 euros e máis de 5.000 mulleres atendidas

  • A secretaria xeral da Igualdade, durante a visita a Lugo
  • A secretaria xeral da Igualdade, durante a visita a Lugo

Lugo, 26 de marzo de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá en Lugo as sedes de Cáritas e de Aliad Ultreia, dúas asociacións coas que colabora a Xunta para a atención de mulleres en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual.

López Abella reuniuse cos seus responsables, Ginés F. Plaza de Cáritas Lugo e Manuel Varela Veiga de Aliad Ultreia, aos que lles anunciou que para este 2014 a Secretaría Xeral de Igualdade non só repetirá o seu compromiso senón que aumentará as contías das súas axudas, chegando a triplicala no caso de Cáritas.

Cáritas Lugo e a Aliad Ultreia son dúas das once entidades sen ánimo de lucro coas que Igualdade asinou o ano pasado convenios de colaboración para desenvolver programas de atención de mulleres en situación de trata e prostitución. O importe total destes convenios foi de 292.000 euros en 2013 e as mulleres atendidas 5.153, máis do dobre que o ano anterior.

A Secretaría Xeral da Igualdade, a través destes convenios, achegou 7.000 euros a Cáritas Lugo, que atendeu a 270 mulleres, na súa maioría procedentes de Brasil (60), República Dominicana (57), España (54) e Colombiana (32). Para este novo ano, a Xunta ampliará a axuda a 22.000 euros, máis do triplo respecto ao ano pasado.

Pola súa banda, Aliad Ultreia recibiu 11.000 euros e atendeu a 274 mulleres, fundamentalmente con procedencia brasileira (75), dominicana (65), colombia (39) e española (26). Para este 2014 a súa axuda verase incrementada ata os 26.000 euros.

Os proxectos de ambas institucións céntranse na provincia de Lugo e concretamente nos concellos de Lugo, Guntín, Outeiro de Rei, Castro de Rei, O Corgo e Láncara. Ademais, ambas entidades contan cun servizo de teletradución gratuíto -o gasto é asumido pola Xunta- que permite ás mulleres comunicarse en máis de 50 idiomas diferentes.