Igualdade asiste en Madrid ao Pleno do Consello de Participación da Muller

Na xuntanza, a ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato, anunciou a intensificación da Inspección de Traballo en materia de igualdade, especialmente para detectar situacións de discriminación salarial

Multimedia

Santiago, 13 de decembro de 2012. A Secretaría Xeral da Igualdade, representada pola subdirectora xeral de Promoción da Igualdade, Carmen Orgeira, asistíu ao Pleno do Consello de Participación da Muller, celebrado na tarde de onte en Madrid baixo a presidencia da ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Ana Mato.

No encontro, a ministra anunciou novas medidas en materia de igualdade laboral, destacando a próxima firma dun protocolo entre os ministerios de Sanidade e de Emprego e Seguridade Social sobre a Inspección de Traballo en materia de Igualdade, co obxectivo de reforzar a vixilancia do cumprimento da normativa sobre igualdade entre mulleres e homes nas empresas, centrado, especialmente, en detectar posibles situacións de discriminación salarial.

Este acordo enmárcarase no Plan Especial para a igualdade de mulleres e homes no ámbito laboral e contra a discriminación salarial, cuxo propósito é fomentar o acceso e a permanencia no emprego da poboación feminina, e que será sometido a informe do Consello de Participación da Muller, segundo anunciou a ministra. Asemade, esta será unha das iniciativas que formarán parte do novo Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades 2013-2015.

En materia de conciliación, Ana Mato sinalou na xuntanza que o ministerio traballa nun Plan integral de apoio á conciliación da vida laboral, persoal e familiar, que contará coas conclusións da Subcomisión do Congreso para o estudo da racionalización de horarios.

A ministra expresou a súa confianza en que o Consello de Participación da Muller sexa un “lugar de encontro, de intercambio de ideas e de participación activa para impulsar novos avances concretos para as mulleres”. Trátase dun órgano consultivo formado por representantes das Administracións e das organizacións e asociacións de mulleres, para fomentar a participación feminina en todos os ámbitos e avanzar na igualdade de oportunidades.

Tema: