González defende a importancia do papel da Universidade para lograr a igualdade e a eliminación da brecha de xénero na elección de estudos

A Secretaría Xeral da Igualdade apoia ás universidades na consolidación das actuacións sobre igualdade cunha convocatoria de axudas de case medio millón de euros. As institucións académicas teñen que axudar a rematar coa brecha de xénero existente na elección de estudos, que está na base da segregación profesional e sectorial do noso mercado de traballo, e que ten como consecuencia, especialmente en momentos de crise, a desigual incidencia do desemprego en función do sexo.

  •  González defende a importancia do papel da Universidade para lograr a igualdade e a eliminación da brecha de xénero na elección de estudos
  •  González defende a importancia do papel da Universidade para lograr a igualdade e a eliminación da brecha de xénero na elección de estudos

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, inaugurou hoxe as VI Xornadas de Formación, Educación, Xénero e Igualdade, que organiza o Centro de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da Universidade de Santiago de Compostela, nas que defendeu a importancia do papel das universidades na consecución da igualdade e na eliminación da brecha de xénero existente na elección de estudos.

Marta González lembrou que a superación dos modelos sociais tradicionais e dos roles asignados ás persoas en función do seu sexo e a formación dunha cidadanía libre, autónoma, solidaria e responsable "é un compromiso ineludible da escola, da universidade e dos poderes públicos" e implica "incidir sobre os diferentes espazos onde a persoa se desenvolve na súa infancia e xuventude, xa que constitúen o referente a partir do que se constrúe psicoloxicamente a identidade".

A responsable de igualdade do goberno galego sinalou que a escola e a universidade, como axentes de socialización que son, "teñen que dar resposta á demanda da consecución da igualdade", e nese eido, destacou a implicación da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, que, nas vindeiras semanas, resolverá a convocatoria que por terceiro ano consecutivo, aporta aproximadamente medio millón de euros, 460.000 concretamente, para o fomento da investigación e a realización de actuacións en materia de igualdade nas tres universidades galegas, fomentando a creación de redes de colaboración co obxectivo de implicar na posta en marcha destes proxectos ao maior número posible de departamentos e áreas universitarias.

A brecha de xénero na elección de estudos

A secretaria xeral da Igualdade tamén fixo fincapé no importante que é que dende as universidades se abra un debate e se reflexione sobre as dinámicas preexistentes que restrinxen a igualdade de condicións no eido das tarefas investigadoras, científicas e tecnolóxicas, transformando o seu espazo nun ámbito máis favorable.

Ademais, dixo, "é necesario que, dende as institucións académicas, se tome en conta a brecha de xénero existente na elección de estudos, que está na base da segregación profesional e sectorial do noso mercado de traballo e cuxas consecuencias no momento de crise e de falla de emprego son tan claras na desigual incidencia en función do sexo".

Non podemos esquecer, sinalou González, que a segregación profesional e sectorial que hai na actualidade "é  consecuencia dunha educación que non favorece suficientemente o cambio de modelos, roles e estereotipos e non axuda decididamente a que se produza un cambio que permita que máis mulleres realicen estudos que lles abran as portas a profesións "masculinizadas e viceversa".

Ese cambio de modelo, "suporía un bo impulso para a nivelación salarial", que ten a súa orixe na concepción das actividades profesionais tradicionalmente femininas como "complementarias" ás realizadas polos homes, máis importantes, tamén salarialmente, por ser as actividades dos "cabezas de familia", recalcou.

Un dos paradoxos da sociedade actual, afirmou a secretaria xeral da Igualdade, "é que o alto nivel de educación das mulleres non se reflicte directamente nos postos que conseguen no mercado laboral", e por iso, un mellor equilibrio entre mulleres e homes na educación e no mundo do traballo, "podería contribuír a cubrir futuras cualificacións e necesidades laborais", sendo fundamental nesta tarefa "o papel das universidades".

A secretaria xeral da Igualdade tamén participou no coloquio "As Políticas de Igualdade de Xénero no contexto europeo e nacional. Aspectos actuais e novos retos", no que compartiu mesa coa profesora Mª Consuelo Ferreiro Regueiro, do departamento de Dereito Mercantil e do Traballo da USC, coa presidenta da Asociación Alemana de Mulleres Académicas, Elisabeth de Sotelo e coa directora do CIFEX, Rita Radl Philipp, moderadora da mesa.

Feitos vitais: 
Colectivo: