Un 43,06% das empresas galegas que empregan especialistas en tecnoloxía contratan a mulleres con esta formación
A inserción laboral das mulleres no mercado laboral STEM en Galicia é dun 83,9% e supera lixeiramente á porcentaxe que se rexistra entre os homes
A porcentaxe de tituladas nas especialidades tecnolóxicas segue a ser moi inferior á de titulados
Os salarios das mulleres superan aos dos homes no caso das carreiras nas que son minoría, mentres quedan por detrás en Ciencias ou Matemáticas
Soamente o 1% das mulleres das empresas tecnolóxicas ocupan postos directivos, fronte ao 5,8% dos homes
A Xunta promove o talento dixital feminino a través do plan Dixitalent e accións como GirStem
En Galicia, a porcentaxe de tituladas nas carreiras denominadas STEM é moi inferior ao de titulados nas especialidades máis tecnolóxicas (16,8% de mulleres) e nas enxeñarías (38,5%). Sen embargo en Matemáticas a proporción de tituladas é moi próxima a dos titulados e nas ciencias naturais, as mulleres son maioría (66,1%).
A inserción laboral de ambos xéneros é moi semellante, de máis do 83% en ámbolos dous casos.
Os salarios das mulleres mesmo superan aos dos homes cando son tituladas nas carreiras en que son minoría (Tecnoloxías e Enxeñarías), mentres quedan por detrás en Ciencias e Matemáticas.
Hai maior porcentaxe de mulleres tituladas STEM traballando nos sectores de Hostalaría, Outros servizos, Administración e Primario. Mentres tanto, máis porcentaxe de homes atopan acomodo laboral nas Industrias xerais, no Sector TIC e nas Actividades de servizos profesionais.
A formación superior STEM comprende as especialidades de Ciencias Naturais, Tecnoloxías, Enxeñarías e Matemáticas. Son as máis relacionadas coa capacitación persoal cualificado para os sectores máis tecnolóxicos.
A Axencia para a Modernización Tecbolóxica de Galicia traballa en tres liñas chave para captar e reter talento: aumentar o recoñecemento social das profesións tecnolóxicas; promover o papel de dirección e liderado destas profesionais e deseñar proxectos atractivos profesionalmente cun elevado compoñente de impacto económico e social
Entre as actuación en marcha destaca o Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), e a actuacións como o programa Girl STEAM ou a elaboración do documental “Mulleres na Informática: Marxe de Erro”.