Feijóo avanza que a Xunta estudará a posibilidade de promover unha reforma penal para endurecer as penas por violencia de xénero

O presidente da Xunta remarca que o Goberno galego analizará a posibilidade de que se reduzan os beneficios penitenciarios e se esixa o cumprimento íntegro das penas, a proposta das asociacións de mulleres.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou hoxe que o seu Goberno, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, afondará nas próximas semanas na análise da eficacia para promover unha reforma penal que endureza as condenas por violencia de xénero.

"Temos que avaliar a verdadeira eficacia dunha posible reforma penal e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, está estudando estas posibilidades dentro dos estudos que as asociacións de mulleres están plantexando: reducindo a aplicación de beneficios penitenciarios ou esixindo o cumprimento íntegro das penas", explicou ao termo da reunión do Consello da Xunta.

"Cando teñamos a información concreta, a través do Servizo Galego de Igualdade, daremos o parecer do Goberno, que non soamente ten que lamentar, senón promover, e o Goberno ten que expor as súas propostas, con independencia de que teñamos competencias ou non as teñamos", afirmou, para engadir que "o Código Penal é unha competencia exclusiva do Estado, son as Cortes Xerais a quen lle corresponde pero nós pensamos que o cumprimento íntegro das penas e a exención de beneficios penitenciarios son dúas cuestións que se debe de debater, que se debe de reflexionar e que debemos, como Galicia, de opinar e formar opinión", concluíu.

Un fenómeno que ten ser erradicado pola sociedade e as administracións públicas

Na súa comparecencia ante os medios, o titular da Xunta informou de que o Goberno galego aprobou hoxe unhas axudas para o estudo e a investigación da violencia de xénero que contribúan a erradicar esta "lacra social" e este "fenómeno desprezable", que estamos a padecer, "e que ten que ser erradicado pola sociedade co impulso das administracións públicas", dixo.

Lembrou que o perfil medio do agresor é un varón entre 30 e 45 anos e que a condena media dos agresores por violencia de xénero está en 17 anos e catro meses de cárcere, cunha responsabilidade civil que supón unha media de 150.000 euros por caso.

O presidente puxo de manifesto o traballo de moitas asociacións de mulleres que nos últimos anos están reflexionando sobre o endurecemento das penas que actualmente están en vigor: reducindo a aplicación dos beneficios penitenciarios ou a través do cumprimento íntegro das penas. "Coido que estas dúas vías son dúas vías que teñen que estar vivas, que teñen que estar dentro do debate que a sociedade debe manter", considerou.