Feijóo anuncia o investimento de 220 millóns de euros en 320 actuacións para avanzar no obxectivo “ao que queremos chegar: a igualdade plena e efectiva entre mulleres e homes”

O presidente galego remarca que este plan nace dun imperativo ético: “lograr unha Galicia equitativa, tolerante e respectuosa”

Explica que contempla seis eixos de actuación: a loita contra a violencia de xénero, a mellora da gobernanza a favor da igualdade, o fomento dun cambio de valores, o aproveitamento do talento feminino, a conciliación corresponsable, e a participación activa da muller na sociedade

A loita contra a violencia de xénero é a que inclúe un maior número de actuacións -91, cun orzamento de 17 millóns de euros-, entre as que o presidente galego destacou o desenvolvemento do Observatorio Galego de Violencia de Xénero, o impulso dunha rede de concellos contra a violencia de xénero, e a posta en marcha dun recurso especializado na atención a vítimas menores de idade

O plan inclúe 27 actuacións para promover a asunción equilibrada entre ambos os dous sexos dos tempos dedicados a tarefas domésticas e familiares con 121 millóns de euros

Multimedia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa tras a reunión do Consello

Santiago, 14 de febreiro de 2013. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que a Xunta investirá 220 millóns de euros nas 320 actuacións que recolle o Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes. Estratexia 2013-2015, autorizado hoxe polo Consello da Xunta. O titular do Executivo autonómico explicou que este plan nace dun imperativo legal pero tamén dun imperativo ético: “lograr unha Galicia equitativa, tolerante e respectuosa”. “Nace dunha reflexión e dun compromiso colectivo; a reflexión de que temos avanzado moito neste eido pero tamén de que nos queda aínda moito para chegar a onde queremos chegar que é a igualdade plena e efectiva entre mulleres e homes”, engadiu.

Núñez Feijóo explicou que, para a elaboración deste plan, a Administración autonómica recibiu achegas de asociacións de mulleres, de asociacións de igualdade, e de axentes sociais; e destacou seis eixos principais de actuación. “Trátase de unir e de facer esforzos conxuntos, de apoiar que a iniciativa privada incorpore plans de igualdade nas súas empresas e, por suposto, de que sexa a Xunta a primeira en aprobar ese plan e en promover un plan de igualdade para toda Galicia durante os anos 2013-2015”, engadiu.

Violencia de xénero e conciliación, entre os eixos de actuación do plan
En primeiro lugar, o presidente galego explicou que o plan contempla o desenvolvemento dunha acción integral para combater a violencia de xénero que engloba o maior número de actuacións: 91, cun orzamento de 17 millóns de euros. “Neste eixo destaca o desenvolvemento do Observatorio Galego de Violencia de Xénerp, o impulso dunha rede de concellos contra a violencia de xénero e a posta en marcha dun recurso especializado na atención de vítimas menores de idade”, explicou.

Feijóo expuxo como segundo eido de actuación a mellora da gobernanza a favor da igualdade para o que se recollen 50 actuacións cun orzamento de 7 millóns de euros. “Que todas as decisións que se tomen beneficien de forma equivalente a mulleres e homes, isto é o que se pretende”, relatou. “O terceiro eixo é fomentar un cambio de valores e modelos para a igualdade. Neste eido o plan contempla 72 actuacións e 7 millóns de euros para actividades de difusión, de sensibilización e de aprendizaxe que sirvan para concienciar á poboación en xeral”, engadiu.

Como cuarto ámbito de actuación Feijóo citou o “aproveitamento do talento feminino”, 64 millóns de euros e 53 actuacións para concienciar sobre “a necesidade colectiva de avanzar na participación das mulleres no mercado laboral”. O quinto eixo é a conciliación corresponsable: “27 actuacións para promover a asunción equilibrada entre ambos os dous sexos dos tempos dedicados ás tarefas domésticas e familiares con 121 millóns de euros”.

Por último, o presidente galego citou como o sexto eixo do plan “a participación activa das mulleres na sociedade”: 27 actuacións para facer máis visible a presenza feminina nos diferentes ámbitos da vida pública e social cun orzamento aproximado de 4 millóns de euros. “En definitiva”, dixo Feijóo, “este é o plan do Goberno para a igualdade efectiva entre homes e mulleres entre 2013 e 2015”.

Tema: 
Departamento: