Fabiola García salienta a contribución das viúvas para o avance social de todas as mulleres

Reafirma o apoio da Xunta de Galicia as súas demandas de mellora da situación económica deste colectivo

  • Fabiola García salienta a contribución das viúvas para o avance social de todas as mulleres
  • Fabiola García salienta a contribución das viúvas para o avance social de todas as mulleres

Vigo, 7 de abril.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou a contribución das viúvas para o avance social de todas as mulleres. Fíxoo este mediodía na inauguración da 46ª Asemblea Rexional de Viúvas de Galicia, no hotel Bahía de Vigo, nesa cidade, acto no que participaron máis de 300 mulleres.

Durante a súa intervención, Fabiola García puxo en valor a fortaleza da propia Aurora Carro, fundadora da primeira asociación de viúvas de Galicia no ano 1976 e agora presidenta da Federación Galega de Asociación de Viúvas, como exemplo do esforzo e da superación de todas as mulleres que integran esta entidade.

A conselleira resaltou o papel das viúvas á hora de conseguir importantes avances sociais para a muller, e tamén para os seus fillos e fillas. Na actualidade en Galicia hai 14 asociacións que representan ás aproximadamente 170.000 mulleres nesta situación e aos 24.000 fillos orfos.

Fabiola García salientou o labor que realizan estas asociacións á hora de crear espazos de encontro e de formación, cultura e ocio para que todas aquelas galegas que se ven nesta situación se vexan apoiadas. Nese sentido, a conselleira reafirmou o apoio do Goberno galego cunha das principais reclamacións da Federación que, para o cálculo das pensións de viuvez, insta ao Goberno central a achegar ao 75% a Base Reguladora do que cotizaba o home.

Exemplo de superación

Ao acto inaugural da Asemblea tamén acudiu a secretaria xeral de Igualdade , Susana López Abella, que agradeceu o traballo comprometido e incansable das asociacións de viúvas, as que tamén catalogou como un exemplo de superación e de mulleres loitadoras.

É necesario, para López Abella, que as mulleres viúvas de hoxe conten cos recursos que lles garantan unha vida digna, autónoma e plena. Rematou a secretaria facendo un chamamento o recoñecemento por parte da xeración de hoxe as mulleres que axudaron de xeito fundamental ao progreso da nosa sociedade.

Tema: