Entra en vigor a duplicación da contía das axudas para vítimas de violencia de xénero

A dotación ampliase en 600.000 euros acadando un orzamento global de 1,2M euros

A contía das axudas varía desde o equivalente a seis meses do subsidio de desemprego vixente ata os 24 meses, en función das circunstancias familiares e de renda

Multimedia

 Entra en vigor la duplicación de la cuantía de las ayudas para víctimas de violencia de género

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2020.-

Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se amplía a dotación orzamentaria das axudas de pago único dirixidas a atender ás vítimas da violencia de xénero, que con esta ampliación de 600.000 euros, suman un investimento de 1,2 millóns de euros.

Concretamente, amplíanse as axudas de pago único que están dirixidas ás vítimas de violencia de xénero que acrediten insuficiencia de recursos e dificultades especiais para obter un emprego. A contía das axudas de pagamento único varía desde o equivalente a seis meses do subsidio de desemprego vixente ata os 24 meses, en función das circunstancias familiares e de renda.

Esta convocatoria ten como obxectivo garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou no caso das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, da persoa que mantivese con ela unha relación de dominación, de xeito que se lles facilite dar o primeiro paso para romper con esa situación de violencia.

Cómpre lembrar que esta liña de axudas xa contemplaba que podería ver ampliado o seu orzamento se fose necesario e na data actual, debido ao volume de solicitudes presentadas desta axuda e que non poden ser atendidas co crédito inicialmente asignado, así como as necesidades das posibles beneficiarias, resulta necesario incrementar esta dotación orzamentaria.

Esta resolución entrará en vigor hoxe mesmo.