Emprego e Igualdade sitúa a loita contra a violencia de xénero como eixo firme de acción da Xunta para acadar canto antes que o número de vítimas desta lacra sexa cero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe no Parlamento as liñas estratéxicas do seu departamento para 2022 que sitúan a muller no centro e destinan 18 millóns de euros á loita contra a violencia de xénero

A Xunta lanzará o programa Emprega Muller, con 33,4M€ para favorecer a formación e o fomento do talento feminino no mercado de traballo

A Consellería destina o 4% do seu presuposto ao impulso da conciliación, da corresponsabilidade e da igualdade nas empresas

  • Emprego e Igualdade sitúa a loita contra a violencia de xénero como eixo firme de acción da Xunta para acadar canto antes que o número de vítimas desta lacra sexa cero
  • Emprego e Igualdade sitúa a loita contra a violencia de xénero como eixo firme de acción da Xunta para acadar canto antes que o número de vítimas desta lacra sexa cero
  • Emprego e Igualdade sitúa a loita contra a violencia de xénero como eixo firme de acción da Xunta para acadar canto antes que o número de vítimas desta lacra sexa cero

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2021.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe no Parlamento de Galicia as liñas estratéxicas que rexerán a actividade deste departamento no ano 2022, que sitúan á igualdade como obxectivo transversal de todas as súas actuacións. Este principio estará presente na loita decidida contra a violencia de xénero -que verá incrementado o seu orzamento nun 22% ata os case 18 millóns de euros-, na promoción da igualdade -13,6 millóns en 2022- e mesmo nun programa específico, o Emprega Muller, dotado con 34,3 millóns de euros para apoiar a formación e o impulso do talento feminino na comunidade.

A Xunta porá énfase non recursos económicos e actuacións específicas dirixidas a erradicar a violencia exercida contra a muller por razón de xénero en Galicia, remarcou a conselleira, días antes da conmemoración do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero. En 2022 a consellería de Emprego e Igualdade contará con 17,9 millóns de euros para combater esta lacra, aos que se sumarán outros 13,6 millóns para a promoción da igualdade.

A Xunta, anunciou Lorenzana, impulsará centros de atención 24 horas, un en cada provincia, para a asistencia integral ás vítimas de agresión sexual. Tamén ampliará a toda Galicia o proxecto Fénix que traballa con menores que manifestan condutas violentas.

Tal e como subliñou a conselleira, trátase de facer de Galicia un exemplo no recoñecemento e dotación de recursos na loita contra novas formas de violencia, como a violencia vicaria, a violencia sexual ou a dixital.

Na mesma liña anunciou que o seu departamento lanzará en 2022 o I Plan galego contra a trata e a explotación sexual e unha “reforma de gran calado” da Lei galega de igualdade entre homes e mulleres que, confiou, conte co apoio unánime do arco parlamentario.

A loita contra a violencia de xénero constitúe un eixo de acción firme para o Goberno galego tendo como obxectivo único e irrenunciable “conseguir o antes posible que o número de mulleres vítimas na nosa comunidade sexa cero”, remarcou a conselleira.

Igualdade laboral e conciliación

Emprego e Igualdade, por outra banda, destinará á conciliación o 4% dos seus 380 millóns de orzamento, con especial atención á igualdade laboral nas empresas e á corresponsabilidade no fogar e á mellora da formación e oportunidades laborais do colectivo feminino, identificado como prioritario polo Goberno galego.

A conselleira destacou o Plan Emprega Muller, con medidas de discriminación positiva e programas exclusivos para mulleres, cos que se intensificarán os apoios á formación e o impulso do talento feminino no mercado de traballo. Con 34,3 millóns de euros, complementará outras actuacións máis lonxevas, como o programa Emega de emprendemento feminino, que ven de celebrar os seus 25 anos, que tamén presenta un orzamento histórico de 4,2 millóns de euros.

Mellorar as capacidades dixitais de mulleres residentes no medio rural, programas integrados de emprego exclusivamente femininos, unidades formativas para empresas con poucas mulleres nos seus cadros de persoal e os incentivos á contratación e o relevo xeracional protagonizado por elas son algunha das novidades coas que Lorenzana afrontará o novo curso, “ofrecendo unha oportunidade laboral ás mulleres galegas e impulsando o liderado feminino”.

Aínda que Galicia recuperou todo o emprego perdido na pandemia e ten menos persoas desempregadas que hai dous anos, Lorenzana comprometeu seguir traballando nun marco de igualdade de oportunidades e destinando apoios específicos para axudar ás 90.388 mulleres que aínda hoxe continúan en paro. Para iso deu conta cunha folla de ruta de futuro, inclusiva, igualitaria, innovadora e competitiva que favorecerá un impulso socioeconómico baseado na igualdade de oportunidades e na erradicación da discriminación e da violencia contra a muller.