Díaz Mouteira salienta o traballo das asociacións de mulleres rurais a prol da igualdade real e efectiva de homes e mulleres no rural

A delegada territorial da Xunta en Ourense visitou en Monterrei a asociación ‘Fonte do Ouro’, con motivo do Día Mundial da Muller Rural e puxo en valor o papel das mulleres como motores de desenvolvemento e crecemento das zonas rurais

Esta entidade é unha das beneficiarias das achegas da Secretaría Xeral da Igualdade destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres

  • Díaz Mouteira salienta o traballo das asociacións de mulleres rurais a prol da igualdade real e efectiva de homes e mulleres no rural
  • Díaz Mouteira salienta o traballo das asociacións de mulleres rurais a prol da igualdade real e efectiva de homes e mulleres no rural
  • Díaz Mouteira salienta o traballo das asociacións de mulleres rurais a prol da igualdade real e efectiva de homes e mulleres no rural

Monterrei (Ourense), 15 de outubro de 2019. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, puxo en valor o papel da muller no mundo rural e o labor desenvolvido polas asociacións de mulleres rurais co obxectivos de acadar a igualdade real e efectiva da muller do rural fomentando a súa participación nos diferentes ámbitos: social, laboral, económico, político e, en xeral, en todos aqueles que abarcan a vida das mulleres. Fíxoo durante a súa visita á Asociación de Mulleres Rurais Fonte do Ouro, do concello de Monterrei, coincidindo co Día Mundial da Muller Rural.

Durante a visita, Díaz Mouteira explicou que a presenza e actividade das mulleres no medio rural demostrou ser clave para evitar o despoboamento e para a consecución dun desenvolvemento pleno e sostible do medio rural, o cal constitúe unha garantía de viabilidade, identidade, progreso e cohesión para a toda sociedade, xa que afirmou que “que as mulleres rurais son esenciais para asentar a poboación, evitar a masculinización e envellecemento do medio rural, e impulsar a diversificación económica”.

Segundo a delegada territorial, a Xunta traballa para mellorar a situación das mulleres rurais e a súa calidade de vida, promover actividades que contribúan a súa participación na vida cultural e fomentar a súa visibilidade e impulsar a súa capacidade para emprender e promover condicións que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nun escenario de corresponsabilidade entre mulleres e homes.

Con este obxectivo a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da súa xefatura territorial na provincia de Ourense, este ano repartiu axudas a asociacións de mulleres para o fomento ao asociacionismo e á participación das mulleres.

En Monterrei, a Asociación de Mulleres Rurais Fonte do Ouro é unha das beneficiarias destas achegas autonómicas, xunto con outras tres entidades. A delegada territorial coñeceu o programa de actividades que realizan ao abeiro desta subvención e que inclúen, entre outras, obradoiros de cociña saudable e de ximnasia; xornadas informativas de igualdade e prevención da violencia de xénero para conmemorar o Día internacional das mulleres 8M e o Día internacional contra a violencia de xénero 25N. A presidenta do colectivo explicoulle á representante do Goberno galego que coa achega da Xunta desenvolven estas actividades que pretenden promover a participación das mulleres na vida cotiá, así como fomentar as relacións interpersoais entre iguais, ao mesmo tempo que se dinamiza a oferta de recursos existentes no rural.

Díaz Mouteira subliñou que estas subvencións da Secretaría Xeral da Igualdade teñen por obxectivo fortalecer e consolidar o movemento asociativo de mulleres, por seren un elemento indispensable na promoción da igualdade de oportunidades, ademais de potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas.

Dúas liñas de actuación

O importe total das axudas distribúese en dúas liñas de actuación. A primeira destinada á consolidación do movemento asociativo colaborando no mantemento e no funcionamento das entidades Mentres, a segunda liña subvenciona a promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénro e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia das mulleres rurais, mulleres maiores e ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.