DECLARACIÓN INSTITUCIONAL NO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller o Goberno galego quere reafirmar o seu compromiso coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e recoñecer o traballo das mulleres que, tanto de forma individual como colectiva, permitiron que os dous sexos alcanzasen a igualdade ante a lei e deron importantes pasos para erradicar as distintas formas de discriminación que impiden ás mulleres o exercicio pleno dos seus dereitos.
Dende o Goberno galego estamos convencidos e convencidas de que a vida económica, e en particular o mundo laboral, é un dos ámbitos fundamentais da promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. Na nosa sociedade, a desigual repartición entre os xéneros das responsabilidades familiares e do fogar constitúe un dos principais obstáculos para a participación plena das mulleres no mercado laboral, así como á súa permanencia e promoción dentro do mesmo. 
A conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar constitúen uns dos grandes retos do século XXI. 
Así a conciliación da vida persoal, familiar e laboral é unha problemática complexa e conflitiva para unha parte da cidadanía, as mulleres, que viven en primeira persoa este conflito, pero tamén o debe ser para os homes, as familias, os concellos, as empresas, o mercado laboral e a sociedade en xeral.
É importante coñecer estas consecuencias na vida das persoas, pero tamén para a sociedade no seu conxunto para ser conscientes do alcance do problema e para buscar solucións que vaian á raíz do mesmo. Non se trata de axudar ás mulleres para que poidan traballar e levar o fogar senón de repartir tarefas e responsabilidade para que tanto homes como mulleres, gocen e exerzan os mesmos dereitos e as mesmas responsabilidades.

 


A falta de corresponsabilidade e as dificultades para conciliar vida persoal, familiar e laboral, contribúen a soster a discriminación laboral e salarial das mulleres e constitúen unha das súas principais barreiras para o seu desenvolvemento profesional. No caso da sociedade supoñen unha importante perda de talento que lastra a competitividade empresarial e dificulta o progreso económico.
Non se circunscribe, por tanto, ao ámbito privado e necesita a implicación de todos os axentes sociais: administracións públicas, empresas, sindicatos e tecido asociativo.
A corresponsabilidade social vai máis aló da conciliación. A corresponsabilidade social significa aumentar a implicación das persoas na repartición das responsabilidades domésticas e familiares, especialmente os homes, para estenderse a outros axentes sociais e instancias públicas e privadas.
O dereito á igualdade de trato e á non discriminación e o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes son esenciais para construír unha sociedade xusta, social e economicamente desenvolvida.
Por todo iso, o Goberno continuará traballando para fomentar a creación de postos de traballo para mulleres, favorecer o emprendemento, avanzar cara a unha presenza equilibrada de mulleres en postos directivos e de responsabilidade conforme aos principios de mérito e capacidade, e para reducir as desigualdades que aínda existen entre mulleres e homes nos distintos sectores e niveis da economía e da sociedade, facendo especial fincapé nas desigualdades salariais así como nas que afectan as mulleres da contorna rural.

Tema: