DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DO DÍA EUROPEO CONTRA A TRATA DE PERSOAS

Con motivo do DÍA EUROPEO CONTRA A TRATA DE PERSOAS, que se conmemora o 18 de outubro, o Goberno galego quere expresar un ano máis o profundo rexeitamento á escravitude do noso tempo e, lamentablemente, a unha realidade en Europa e no noso país.

Supón unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade da persoa e constitúe unha forma de delincuencia grave. A trata de seres humanos está expresamente prohibida pola lexislación internacional e europea vixente, e penalizada como delito grave no noso Código Penal.

A trata de seres humanos con fins de explotación sexual segue sendo a principal forma de trata na UE, pois segundo reflicten as estatísticas, o 67% das vítimas deste delito foron explotadas sexualmente, e desa porcentaxe, o 95% son mulleres e nenas.

Con estes datos, queda de manifesto que a trata de seres humanos con fins de explotación sexual non é un crime neutral en termos de xénero pois a maioría das súas vítimas son mulleres e nenas, constituíndo ademais unha forma de violencia contra as mulleres.

En Galicia aprobouse a Lei 12/2016, do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, precisamente para poder ampliar os dereitos das vítimas de trata con fins de explotación sexual que sufran este delito na nosa Comunidade Autónoma, que adquiren así a condición de beneficiarias das axudas económicas periódicas previstas para as vítimas da violencia de xénero en Galicia.

Ademais a nosa Comunidade é pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra, coa sinatura en xaneiro de 2010, e actualizada en 2012, do protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. As últimas reformas lexislativas no marco do Estado español e o vixente Protocolo marco de protección das vítimas de trata de seres humanos, configuraron un impulso vital na persecución deste delito e no apoio e protección das súas vítimas.

Todos os datos apuntan ademais a que e trata, a prostitución e a explotación sexual, en calquera das súas manifestacións, se encontran fortemente interrelacionadas entre si. Son moitos os instrumentos internacionais que inciden nesta dobre cuestión.


Por iso, dentro da violencia de xénero e da desigualdade en xeral entre homes e mulleres, a trata con fins de explotación sexual, a prostitución e outras formas de explotación sexual teñen una especial gravidade, pois supoñen a redución máxima dunha persoa a un mero obxecto, e a persoa reducida a esta condición está exposta a un trato vexatorio e incluso violento.

Dende o Goberno galego con motivo do Día Europeo contra a Trata de Persoas, pon en marcha unha campaña de sensibilización social coa finalidade de seguir concienciando á sociedade na loita contra esta lacra, baixo o lema:

A TRATA CON FINS DE EXPLOTACIÓN SEXUAL DENIGRA E DESTROZA A VIDAS DAS MULLERES.

Consideramos necesario sensibilizar e informar sobre a terrible realidade que hai detrás da trata de mulleres. Cando se paga por sexo están a pagarse redes de extorsión, vexacións e torturas e ése cómplice da peor das escravitudes e as lacras do século XXI. A trata de seres humanos é unha das vulneracións máis abominables dos dereitos humanos, nos que a persoa pasa a converterse nunha mercadoría.

A trata con fins de explotación sexual supón, ademais do anterior, unha manifestación execrable de violencia contra as mulleres.


O Goberno da Xunta de Galicia reafírmase, por unha banda, na súa clara e decidida condena a esta grave violación dos dereitos humanos, calquera que sexa a súa forma e mostra o seu firme compromiso na prevención e na loita contra a trata seres humanos, facendo especial fincapé no apoio incondicional ás vítimas, que teñen unha especial incidencia nunha alta porcentaxe mulleres e nenas.

Tema: