DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO 8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES 2013

Na conmemoración do Día internacional das mulleres, nun difícil contexto económico e social como o actual, todo o Goberno galego debemos continuar traballando pola igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

O reto é construir un modelo social máis igualitario, compartindo espazos de responsabilidades en pé de igualdade.

As mulleres supoñen a metade do capital humano da nosa sociedade, pero o seu acceso aos recursos segue a ser desigual con respecto aos homes, por esta razón, no século XXI un obxectivo fundamental debe ser aproveitar de xeito eficiente todos os recursos e talentos dispoñibles, nomeadamente os femininos, xa que ningún país pode desbotar esa fonte de coñecemento e produtividade.

Deste xeito os poderes públicos debemos ter como prioridade avanzar na igualdade de oportunidades e progresar na configuración dunha sociedade máis equilibrada e solidaria. Día a día xorden novos retos, novos desafíos, novas metas que se van descubrindo acordes cos obxectivos de máximos na procura dunha maior presenza feminina, cuantitativa e cualitativa, en todos os ámbitos sociais e profesionais.

En definitiva, é necesario continuar traballando para lograr acadar os retos que aínda persisten, como é o acceso e o mantemento das mulleres, en condicións de igualdade, ao mercado laboral e tamén aos postos de maior cualificación e retribución.

Por todo esto o Goberno galego, coa aprobación do VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes, reafirma o seu compromiso inequívoco coa superación das barreiras de xénero e co exercicio dos dereitos sociais, políticos, económicos e culturais nun contexto de verdadeira igualdade.

Tema: