Cultura, deporte, emprendemento e saúde, ademais de lecer, forman a oferta de Igualdade para as asociacións de mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, acompañada de Delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentou hoxe ás asociacións de mulleres de Lugo o Programa de Actividades para Mulleres 2010, Adiante, que ten como obxectivo dinamizar o movemento asociativo feminino e contribuír á mellora da calidade de vida das mulleres, e que conta este ano con catro áreas de actuación: a cultura, o deporte, o emprendemento e a saúde, todo elo mesturado cun lecer activo e divertido.

  • Cultura, deporte, emprendemento e saúde, ademais de lecer, forman a oferta de Igualdade para as asociacións de mulleres
  • Cultura, deporte, emprendemento e saúde, ademais de lecer, forman a oferta de Igualdade para as asociacións de mulleres

A secretaria xeral da Igualdade destacou o papel das asociacións de mulleres que "son unha canle privilexiada para proporcionar ás súas asociadas máis oportunidades, máis formación e máis participación en todos os eidos da vida social".

Marta González, que está presentando o programa nas catro provincias galegas, destacou "o papel particularmente importante que realizan as asociacións do medio rural" porque suplen a maior escaseza de recursos, ou a súa lonxanía, e "xeneran iniciativas de carácter social e económico, como novos recursos para as mulleres, para as persoas maiores, para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, cooperativas ou redes de emprendedoras"; por todo elo, dixo "a súa función social é innegable".

Pola súa banda, Raquel Arias destacou que "é preciso artellar as medidas que reduzan a distancia da que dan conta as cifras estatísticas que separan a homes e mulleres", que din que, de media, a muller cobra o 43% menos que o home, o que se repite no caso dos pensionistas e chega ata un 68,5% no caso de cargos directivos. Temos que seguir traballando en mellorar a nosa capacidade de autonomía persoal, seguir no camiño que nos leve a poder decidir o noso futuro, independentemente de ter nacido muller ou home.

Programas como Adiante da Secretaría Xeral de Igualdade "van contribuír reducir esa distancia" xa que ese programa "é unha chamada ás mulleres para que escriban a súa propia historia,  é unha invitación á participación, ao coñecemento, ás viaxes, na procura de saúde,  cultura, deporte ou oportunidades de negocio". En definitiva, "Adiante é un merecido impulso ás asociacións de mulleres, que con moito traballo e empeño configuran unha oferta que contribúe fundamentalmente a mellorar a calidade de vida das súas iguais", sinalou a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo.

O programa Adiante, explicou a secretaria xeral da Igualdade, nace co obxectivo de dinamizar o movemento asociativo feminino fomentando a participación en actividades de carácter lúdico, pero tamén que reforcen o papel igualitario que as mulleres deben acadar na nosa sociedade, ao mesmo tempo que incorpora factores que favorecen os hábitos de vida saudables, a inclusión do exercicio físico na actividade cotiá, a promoción da nosa cultura e da formación, o achegamento ás tecnoloxías da información e da comunicación e, por suposto, a mistura do lecer e do tempo libre en proxectos interesantes e atractivos.

Adiante ten a vontade de consolidar a transformación das asociación de mulleres, entidades que proporcionaban lugares para o encontro e o lecer recreativo, en organizacións que melloran o seu contorno a través da participación social activa das súas asociadas.

Cultura, deporte, saúde e emprendemento

Esta edición do programa ofrece actividades en catro áreas: saúde, deporte, cultura e emprendemento.

Na área da cultura, o programa Coñéceas pretende achegar ás mulleres á vida e obra das dúas escritoras galegas máis importantes e afamadas da historia de Galicia, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Para iso, a Secretaría Xeral da Igualdade organizará, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e a Casa Museo Emilia Pardo Bazán, visitas ás súas casas-museo e o contorno no que viviron e escribiron a súa obra. A visita, que terá un día de duración, mesturará o coñecemento da vida e da obra da escritora correspondente, dende unha perspectiva ata agora non vista, como pioneiras dos dereitos das mulleres, e unha serie de actividades de lecer.

Na área da saúde, a proposta "Outono nas termas" desenvolveuse xa o ano pasado con gran éxito, participando unhas 600 mulleres, polo que as Secretarías Xerais da Igualdade e de Turismo, que colaboran na posta en marcha desata actuación, decidiron poñela en marcha tamén este ano. As mulleres poden desfrutar durante 24 horas dunha estancia nun dos balnearios de Galicia seleccionados, recibindo tratamentos termais e compartindo un tempo de lecer alonxado da actividade diaria habitual, a un prezo moi reducido. Ademais, a estadía completase coa realización de actividades informativas sobre hábitos de vida saudables, autocoidadado, importancia da auga no noso benestar e saúde, etc…

A terceira proposta, Peregrina, pretende animar ás mulleres a participar no gran movemento xacobeo deste ano santo 2010. Un segundo obxectivo é animar ás mulleres galegas a incorporar o deporte á súa actividade cotiá, a través da realización a pé do último tramo do Camiño de Santiago, desde o Monte do Gozo ata a praza da Acibechería. Este programa está dirixido a promover a actividade física entre as mulleres e dar a coñecer os beneficios do exercicio cotián na vida das persoas de calquera idade; por elo, a peregrinación completarase cun obradoiro formativo previo, no que se darán consellos prácticos sobre como afrontar o camiño e se falará dos beneficios de incorporar o exercicio físico e o deporte á actividade diaria.

Ademais de promover a saúde e a cultura, dende a Secretaría Xeral da Igualdade tamén se quere animar ás mulleres galegas a desenvolver a súa capacidade creativa e emprendedora; para elo ponse en marcha Emegactiva, no que as asociacións de mulleres poderán coñecer in situ as iniciativas empredendedoras desenvolvidas por mulleres que se están desenvolvendo en Galicia, coa visita a diversas empresas galegas promovidas por mulleres nas que as protagonistas contarán, en primeira persoa, a súa experiencia tanto na posta en marcha como no desenvolvemento da súa empresa.

As empresas que visitarán son algunhas das que se crearon a raíz do Programa de Emprendemento Feminino Emega, e abarcan áreas de actividade que van dende a hostalaría, granxas, casas de turismo rural ou empresas de transformación de produtos agrarios.

Todas estas actividades comezarán a realizarse a partir do mes de setembro e o prazo de inscrición para as mesmas comezou o 2 de xullo e remata o próximo 31 de xullo.

A secretaría xeral da Igualdade rematou a presentación lembrando que no ano pasado no programa de dinamización de asociación de mulleres participaron 3.411 mulleres dun total de 153 asociacións. As actividades desenvolvidas xiraron en torno á formación das asociacións en temas relacionados coa igualdade, na reflexión sobre a súa situación como mulleres, e tamén no feito de compartir momentos de lecer coas amigas.