A cooperación entre Xunta e ACCEM permite atender a 65 mulleres vítimas de trata durante a pandemia na Coruña, Vigo, Tui, Lugo e O Carballiño

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avaliou co responsable adxunto territorial en Galicia de ACCEM, Daniel Bóveda, as iniciativas que desenvolve o colectivo co apoio da administración autonómica

Entre estas actuacións, destaca o convenio de colaboración que se asinou o pasado ano con nove entidades que conforman a Rede Galega contra a Trata, entre elas ACCEM, para loitar contra esta lacra social e reforzar a atención durante a covid-19

Multimedia

 A cooperación entre Xunta e ACCEM permite atender a 65 mulleres vítimas de trata durante a pandemia na Coruña, Vigo, Tui, Lugo e O Carballiño

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022.-

A colaboración que mantén a Xunta con ACCEM permitiu prestar atención a 65 mulleres vítimas de trata e/ou explotación sexual da Coruña (25), Vigo e Tui (25), Lugo (10) e O Carballiño (5). A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo en Santiago de Compostela unha xuntanza co responsable adxunto territorial en Galicia de ACCEM, Daniel Bóveda, para avaliar as iniciativas deste colectivo que apoia a Administración autonómica e coas que se ofrece ás mulleres un acompañamento especializado, baseado nas súas necesidades específicas e desde un enfoque fundamentado na defensa dos dereitos humanos, de xénero e de interculturalidade.

Entre as actuacións que apoia a Xunta, destaca o convenio de colaboración que a Consellería de Emprego e Igualdade asinou o pasado ano con esta asociación e outras oito que conforman a Rede Galega contra a Trata (cada entidade recibiu 7.000 euros) e que traballan para mellorar as condicións de vida das persoas en situación de vulnerabilidade. Esta cooperación vén desenvolvéndose no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e ten por obxecto cubrir as necesidades básicas e puntuais das vítimas, agravadas pola pandemia. En concreto, ofrécese, nos casos de urxente desamparo, un apoio de emerxencia en materia de aloxamento, alimentación, hixiénico-sanitaria, de transporte ou de telecomunicacións.

A Administración autonómica, ademais, asinou con ACCEM en 2021 outro convenio de colaboración por valor de 5.000 euros para o desenvolvemento de accións de información, prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero a mulleres inmigrantes residentes en Galicia. Así mesmo, a asociación foi beneficiaria o pasado ano das axudas para programas con fins sociais dirixidos á promoción da igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero con cargo á asignación tributaria do 0,7 % IRPF e dos apoios a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas para mulleres vulnerables. A Xunta desde 2011 apoia a ACCEM, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, cun orzamento que nestes anos superou os 205.000 euros.