Constitúense os tres grupos de traballo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero

Dedicaranse a elaborar un protocolo de coordinación institucional, escoitar ás vítimas para mellorar actuacións e buscar estratexias preventivas coa xente nova

O Observatorio creouse o pasado maio para estudar, avaliar e facer un seguimento das políticas contra a violencia de xénero que se desenvolven en Galicia

O organismo conta coa participación das consellerías da Xunta, delegación do Goberno, Poder Xudicial, a Fegamp, sindicatos e TVG, entre outros

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu esta mañá a constitución dos tres grupos de traballo designados no seo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero  Autor: Xoán Crespo
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu esta mañá a constitución dos tres grupos de traballo designados no seo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero  Autor: Xoán Crespo
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu esta mañá a constitución dos tres grupos de traballo designados no seo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero  Autor: Xoán Crespo

Santiago, 8 de setembro de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu esta mañá a constitución dos tres grupos de traballo designados no seo do Observatorio Galego da Violencia de Xénero.

O primeiro deles será o encargado da Elaboración dun Protocolo de Coordinación e Cooperación Institucional fronte á violencia de xénero a nivel autonómico. O segundo, baixo o nome “A voz das vítimas” , encargarase de escoitar as experiencias directas destas para extraer conclusións e directrices de mellora nas actuacións. O último grupo abordará a abordaxe da violencia de xénero coa mocidade dende o ámbito educativo, determinando estratexias e propostas de traballo preventivo coa xente nova.

Observatorio Galego da Violencia de Xénero
O Observatorio é un órgano previsto na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e encargarase do estudo, avaliación e seguimento das políticas contra esta lacra que se desenvolvan en Galicia. Constituíuse o pasado mes de maio nun acto que estivo presidido polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Este órgano traballa en contra a violencia de xénero desde unha perspectiva integral, que engloba todos os ámbitos de actuación. Así, están representados nel as consellerías da Xunta, delegación do Goberno, Poder Xudicial, a Fegamp, sindicatos e Televisión de Galicia, entre outros entes.

Un dos eixos fundamentais do traballo do Observatorio é a prevención de todo tipo de violencia machista. Por iso terá entre as súas encomendas analizar as medidas que se están a levar a cabo na materia, propoñer iniciativas para mellorar a situación, reforzar a cooperación entre administracións e vixiar e denunciar que non haxa discriminación sexual na publicidade.

Con este último obxectivo, en maio tamén se creou -no seo do Observatorio- unha Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista, que se encarga de velar pola eliminación do sexismo nas mensaxes publicidades e pola incorporación de accións positivas que contribúan, desde un ámbito tan importante como a publicidade, a erradicar todo tipo de discriminación por razón do sexo das persoas.