A científica galega María Soledad Soengas recibirá o premio María Josefa Wonenburger da Unidade Muller e Ciencia

A científica galega María Soledad Soengas recibirá, o próximo venres 11 de decembro, no Centro Galego de Arte Contemporáneo, en Santiago de Compostela, o premio María Josefa Wonenburger Planells da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. Soengas é unha experta na análise molecular dos mecanismos de iniciación e progresión do cancro, e as súas investigacións serviron para o deseño de terapias moleculares que están en fase de avaliación en modelos experimentais.

Este galardón recoñece os méritos científicos e o impacto social da muller nos eidos da ciencia e a tecnoloxía. Concédese en honor da matemática galega María Josefa Wonenburger Planells, que foi unha pioneira no campo da álxebra: os seus estudos realizados nas universidades de Yale, Toronto e Indiana influíron en varias xeracións de investigadores. Discípulos do seu laboratorio desenvolveron múltiples ferramentas alxébricas con aplicación práctica que transcenden no eido da matemática.

Nesta terceira edición, a galardoada é María Soledad Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIIO). Soengas é unha experta na análise molecular dos mecanismos de iniciación e progresión do cancro. A investigación no seu grupo está enfocada ao melanoma maligno, unha patoloxía quimiorresistente, e de pronóstico desalentador. En colaboración directa con dermatólogos e patólogos, o laboratorio de Soegas identificou alteracións xenéticas e epixenéticas en procesos de morte celular (apoptosis), senescencia e degradación autofáxica, que controlan a agresividade do melanoma. Estes resultados serviron para o deseño de terapias moleculares que están en fase de avaliación en modelos experimentais. O obxectivo global do Grupo de Melanoma do CNIO é trasladar a investigación básica á clínica, para mellorar o diagnóstico e o tratamento do melanoma.

De feito, no pasado verán, a súa investigación foi publicada na prestixiosa revista Cancer Cell, abrindo novos e esperanzadores camiños de cara á consecución dun tratamento eficaz contra o melanoma maligno.

A cerimonia de entrega do premio estará presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijoo, asistindo ademais o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, a secretaria xeral da Igualdade, Marta González Vázquez, e o director xeral de Innovación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), Ricardo Capilla Pueyo. Tamén estará presente a matemática que leva o nome do premio, María Josefa Wonenburguer, e representantes do mundo académico, científico e sanitario.

No seu discurso de aceptación, Soengas falará sobre o seu proxecto e fará unha presentación que leva por título En Equipo y con Tesón: Reflexiones sobre la Investigación y el Tratamiento del Melanoma.

Biografía da premiada

María Soengas naceu na Golada (Pontevedra), pero é coruñesa de adopción, Soengas é una experta internacional na investigación básica e aplicada do melanoma, área na que ten publicados máis de 40 artigos nas revistas científicas de maior índice de impacto. É licenciada en Bioloxía Molecular con Premio Extraordinario pola Universidade Autónoma de Madrid, onde traballou con Margarita Salas no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa.

Continuou nos Estados Unidos, no Cold Spring Harbour Laboratory de Nueva York, onde descubriu mecanismos moleculares responsables da resistencia do melanoma á quimioterapia convencional. Aquí comezou a colaborar co Memorial Sloan Kettering Center, o centro de referencia mundial na loita contra o cáncer.

Interesada en colaborar directamente con investigadores clínicos, con 33 anos trasladouse ao Departamento de Dermatoloxía da Universidade de Michigan, tamén nos Estados Unidos, para iniciar un Programa de Investigación en Melanoma. O seu equipo identificou novos mecanismos de supresión tumoral, e caracterizou fármacos de deseño capaces de bloquear a progresión do melanoma en modelos experimentais. En 2008 volveu a España, a Madrid, para dirixir o Grupo de Melanoma no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) en Madrid.

Ademais, Soengas é autora de numerosas publicacións e foi recoñecida con diferentes premios; só nos últimos 5 anos escribiu dúas obras sobre as súas investigacións oncolóxicas e participou xunto con outros científicos na redacción doutras doce.

Entre outros datos do seu amplo currículo académico podemos destacar:

  • Membro da Melanoma Research Foundation, American Association for Cancer Research e a Society for Investigative Dermatology.
  • Participación activa en comités científicos e de asesoramento, incluidos a National Institutes of Health TMP and CSD Study Sections; Society for Melanoma Research; Association for International Cancer Research (AICR); the French Canceropole; Asociación Contra el Cáncer (AECC) e a Agencia Nacional de Investigación y Prospectiva (ANEP).
  • Revisora en múltiples revistas científicas (Cell, Nature, Science, entre outras) y Editora de Oncogene e de Pigment Cell and Melanoma Research.
  • Agraciada con varios premios de investigación, incluidos: Human Frontiers in Science Program; the Leukemia and Lymphoma Society of America; the University of Michigan Life Science Biomedical Scholar Award; Career Development Award from the American Dermatology Foundation; Development Award from the Elsa V. Pardee Foundation; New Investigators of the V Foundation for Cancer Research. Tamén recibiu el Diana Ashby Young Investigator Award da Society for Melanoma Research.

Agora, entre os seus obxectivos mais inmediatos está desenvolver ensaios clínicos en pacientes con melanoma metastático, baseados nos seus descubrimentos de novas formas de inducir a autodegradación das células tumorais. A máis largo prazo, está comprometida con Asociacións Nacionais e Internacionais para mellorar á investigación no melanoma e servir de apoio aos pacientes con esta terrible enfermidade.

Traxectoria de Josefa Wonenburger

María Josefa Wonenburger Planells (A Coruña, 1927) estudiou Ciencias Exactas na Universidade Complutense de Madrid e, en 1953, trasladouse a Estados Unidos para especializarse en álxebra cunha bolsa Fulbright. Na Universidade de Yale leu a tese de doutoramento, dirixida por Nathan Jacobson, un dos mellores alxebristas do momento, e iniciou unha brillante traxectoria nesta materia como profesora en diferentes universidades -Toronto, Búfalo, Bloomington (Indiana)- e como directora de teses, entre elas a do matemático Robert V. Moody, en 1966. Da súa man, Moody iniciou na súa tese a teoría coñecida como Álxebras de Kac-Moody, con aplicacións en Física e noutros campos das Matemáticas. Volveu á Coruña, onde reside, en 1983.