Cerca de 3.000 persoas xa recibiron este ano formación gratuíta da Xunta en materia de igualdade laboral

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha xornada de sensibilización en igualdade organizada por Comisións Obreiras

Anunciou que o Goberno galego lanzará unha nova oferta formativa a través do seu espazo virtual de teleformación con cursos que afondarán na auditoría retributiva das empresas, a desconexión dixital e a corresponsabilidade, entre outros

  •  Cerca de 3.000 persoas xa recibiron este ano formación gratuíta da Xunta en materia de igualdade laboral
  •  Cerca de 3.000 persoas xa recibiron este ano formación gratuíta da Xunta en materia de igualdade laboral

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2021.-

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, destacou hoxe a firme aposta da comunidade pola formación específica en materia laboral que xa impartiu de xeito gratuíto a máis de 3.000 persoas no que vai de ano. Galicia é a única comunidade autónoma en ofertar cursos específicos en modalidade virtual sobre esta cuestión, remarcou a directora xeral nun acto de sensibilización sobre igualdade laboral organizado en Santiago de Compostela por Comisións Obreiras (CC.OO.).

No ano 2021, a Consellería de Emprego e Igualdade puxo o foco nas materias vinculadas coa igualdade de oportunidades e a non discriminación no eido laboral. Algunha das iniciativas novidosas, que acadaron maior éxito, foron os cursos de igualdade laboral de 35 horas, que terán continuidade este decembro, nos que se facilita ao tecido empresarial coñecementos mínimos sobre o procedemento de negociación dos plans de igualdade.

Tamén o curso teórico-práctico, de 10 horas, sobre prevención e tratamento do acoso sexual tivo boa acollida, indicou Mancha, que anunciou dúas novas edicións para os próximos meses, destacando tamén o interese que espertaron as formacións sobre a aplicación do rexistro retributivo nas empresas, sobre o traballo a distancia ou sobre a corresponsabilidade e a conciliación.
“Isto é posible grazas á posta en funcionamento no mes de outubro do novidoso espazo de teleformación de igualdade laboral”, indicou Mancha, quen aseverou que con esta iniciativa se está a dotar de recursos á sociedade galega e ao tecido empresarial para acadar a equidade efectiva no mundo do traballo entre homes e mulleres.

En 2022 a Xunta ten previsto programar, polo menos, dezanove talleres temáticos. Un deles, consistirá nun curso especializado en auditoría retributiva e valoración de postos de traballo cun total de 104 horas de formación. Abordará aspectos como a prevención da violencia de xénero nos plans de igualdade, os protocolos de desconexión dixital de teletraballo, ou a igualdade de trato no emprego público, entre outros.

A Xunta seguirá a traballar na formación en igualdade nas contornas laborais, insistiu a directora xeral, unha aposta, que como indicou ven reforzada polos apoios da Xunta tanto ás organizacións sindicais e empresarias como actos como o hoxe celebrado con CC.OO.

De feito, a Consellería de Emprego e Igualdade reserva á Dirección Xeral de Relacións Laborais 12,3 millóns de euros do seu orzamento para 2022. Dous millóns destinaranse especificamente ao fomento da igualdade laboral, e se seguirá a apoiar aos axentes sociais e empresariais nos seus plans de formación sobre o diálogo social e a negociación colectiva, así como á creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial por razón de xénero.

Tema: