A biblioteca da Xunta en Ourense conmemora o Día da Muller cunha mostra sobre a evolución do tratamento da violencia de xénero na prensa galega

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inauguran a exposición ‘Pobre Asunción!’ que permanecerá no espazo ourensán ata finais de maio

A iniciativa, bautizada co nome da primeira vítima de violencia de xénero documentada en Galicia, reúne materiais xornalísticos, literarios e arquivísticos procedentes dos fondos da Biblioteca de Galicia

Ourense, 8 de marzo de 2022.-
 
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inauguraron hoxe na biblioteca da Xunta en Ourense Nós a exposición Pobre Asunción!: a violencia de xénero na prensa, enmarcada na celebración do Día internacional da muller. A través desta iniciativa, a Xunta repasa a evolución do tratamento da violencia de xénero na historia a partir do patrimonio conservado na Biblioteca de Galicia, con materiais xornalísticos, literarios e arquivísticos. Permanecerá en Ourense ata o 21 de maio.
 
Segundo sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a exposición, que estivo o pasado ano na Cidade da Cultura de Galicia, chega agora a Ourense para espallar no territorio galego o seu obxectivo a prol da sensibilización e visibilización dunha temática de gran relevancia social como é a violencia de xénero. Segundo explicou, o seu título responde ao epitafio na tumba de Asunción González, “unha moza ourensá de 16 anos á que se quere homenaxear como primeira vítima de violencia de xénero documentada en Galicia, en 1891”.
 
Organizada en 10 eidos, a mostra repasa a violencia de xénero antes do nacemento da prensa, as primeiras noticias arredor dese tema, a historia de Asunción González, a literatura e a crónica de sucesos. Tamén se analiza o tratamento da violencia de xénero nas revistas ilustradas, na prensa sensacionalista e na prensa actual. Tal e como abondou o secretario xeral, este completo percorrido hemerográfico é posible “grazas ao gran patrimonio que atesoura a Biblioteca de Galicia e que agora se difunde a través do centro bibliotecario da Xunta en Ourense”, ao que se referiu como espazo fundamental para transmisión de información e coñecemento.

Noticias de cabeceiras históricas e actuais

Canto ás pezas expostas, salientou as noticias de cabeceiras históricas como El Compostelano, publicado en Santiago entre 1920 e 1946, Vida Gallega, impulsada por Jaime Solá en 1909 e que foi a revista ilustrada máis importante de Galicia durante décadas, ou El Pueblo Gallego, un dos diarios con maior tirada ata a súa desaparición en 1979. Tamén se inclúen desde as primeiras series de fotogravado que documentaron a violencia de xénero nos xornais a finais do século XIX ata pezas dos nosos días, nas que é noticia a crecente sensibilización social ante esta problemática.