As axudas a programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero con cargo ao IRPF 2019 benefician a 24 entidades cun orzamento que supera os 500.000 euros

O DOG publica hoxe a resolución da convocatoria, que contou cun orzamento que supera os 507.000 euros

Onte tamén se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de axudas con cargo ao IRPF que distribúe a Consellería de Política Social e que ascenden a un montante de 12,9 millóns de euros

As subvencións están destinadas a entidades sen ánimo de lucro para levar a cabo programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero na nosa comunidade

Multimedia

As axudas a programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero con cargo ao IRPF 2019 benefician a 24 entidades cun orzamento que supera os 500.000 euros

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2020. Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes, e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF para o ano 2019. As axudas beneficiaron a 24 entidades sen ánimo de lucro e contaron cun orzamento de 507.330 euros, despois da aprobación o pasado 19 de decembro dunha ampliación de crédito de 50.000 euros á convocatoria inicial, dotada con 457.000 euros.


A través destas axudas, as entidades do terceiro sector de acción social sen ánimo de lucro e a Cruz Vermella poden levar a cabo programas cos que promocionar a igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia de xénero na nosa comunidade.

As subvencións financian, por unha banda, actuacións que fomenten a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, para lograr a eliminación de estereotipos de xénero que conducen a que as mulleres padezan unha situación de desvantaxe no eido laboral, social, persoal, económico, político e cultural. No marco desta liña, fináncianse programas de acollemento, atención e asesoramento para mulleres en situación de vulnerabilidade; programas de información e formación destinados a mulleres en situación de vulnerabilidade e do medio rural que impulsen o emprendemento e o autoemprego co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral; ou programas de conciliación para mulleres en situación de vulnerabilidade, que consistan en actividades de coidado de persoas con discapacidade e/ou dependentes e persoas maiores.

Tamén se financian actividades formativas para o empoderamento e a participación activa das mulleres, en especial das que sofren situacións de vulnerabilidade ou as que residen no medio rural; así como actuacións para o tratamento da saúde integral e/ou sobre a sexualidade das mulleres.

Por outra parte, son subvencionables accións de prevención e loita contra a violencia de xénero e apoio ás súas vítimas como programas de acollida e aloxamento que coadxuven na protección e seguridade das vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas; xunto con actuacións de apoio e tratamento dirixidos especificamente a mulleres vítimas especialmente vulnerables como mozas e adolescentes, mulleres con discapacidade, maiores, que residen no rural, inmigrantes ou pertencentes a minorías étnicas.

Axudas de Política Social

Onte tamén se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de axudas con cargo ao IRPF que distribúe a Consellería de Política Social e que ascenden a un montante de 12,9 millóns de euros. Con este investimento impulsaranse 367 proxectos en 97 entidades de Galicia.

As actuacións que se financian con estas achegas correspóndense ao eixo da familia e a infancia, ao ámbito da inclusión social e a loita contra a pobreza; á area de Xuventude e o fomento do voluntariado; e ao eido da asistencia ás persoas maiores ou con discapacidade.