Apoiar ás mulleres emprendedoras sigue sendo necesario para eliminar as diferenzas aínda existentes

O emprendemento feminino é unha boa alternativa ante a crise do emprego asalariado. A conciliación non é cousa só de mulleres, é as cargas familiares non poden recaer exclusivamente sobre elas, xa que este feito sigue reducindo as súas posibilidades de consolidar a súa posición no mercado laboral.

  • Apoiar ás mulleres emprendedoras sigue sendo necesario para eliminar as diferenzas aínda existentes
  • Apoiar ás mulleres emprendedoras sigue sendo necesario para eliminar as diferenzas aínda existentes

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, defendeu hoxe que a brecha existente entre homes e mulleres emprendedoras é unha clara proba da necesidade de continuar favorecendo a incorporación e a participación en igualdade das mulleres no mercado laboral, xa que non teñen as mesmas oportunidades que os homes.

Na inauguración da xornada "Emprender en Feminino", organizada por CIMO e na que tamén estivo presente o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, a secretaría xeral da Igualdade sinalou que "o emprendemento feminino é unha boa alternativa ante as dificultades para atopar traballo neste momento de crise económica".

Sen embargo, alertou do perigo de que esta alternativa se entenda como unha posibilidade para que as mulleres podan compatibilizar a vida familiar e laboral, unha vez que "a sociedade mostra dúas tendencias diferentes, por un lado estimula e apremia ás mulleres para exercer o seu liderazgo como empresarias e executivas pero, por outro lado, non favorece a desvinculación cos roles de xénero que lle asignan preferentemente o labor de nai e de coidadora, por enriba doutras actuacións, particularmente das profesionais".

O emprendemento, dixo Marta González, tense considerado como unha opción particularmente vantaxosa para as mulleres, por entender que a adicación laboral se pode modular en función da maior ou menor necesidade de tempo propio para atender aos fillos e fillas, ou á familia. Sen embargo, "está visión non deixa de cargar unilateralmente a responsabilidade do coidado sobre os hombros femininos e non ten en conta a necesidade de que as mulleres consoliden a súa posición no mercado laboral".

De feito, sinalou a secretaria xeral, nos últimos anos, en varios países europeos puxéronse en marcha medidas para conseguir unha maior participación dos pais traballadores como coidadores, incitándoos a involucrarse máis na educación e coidado dos seus fillos e fillas. No caso de España, e particularmente en Galicia, "está tarefa é aínda máis urxente, debido ao mantemento máis profundo de prexuízos de xénero relativos aos roles de homes e mulleres no seo da familia", afirmou.

Marta González apuntou que "temos a obriga de buscar formas de aliviar a elevada carga que teñen mulleres e homes en canto ás dificultades para harmonizar vida laboral e familiar, sen esquecer que as medidas postas en marcha deben ser o máis igualitarias posibles para evitar que incidan directamente no mantemento da sobrecarga de traballo nas mulleres, dificultando unha vez máis o seu desenvolvemento persoal e a súa promoción profesional".

Para lograr ese obxectivo, concluíu a secretaria xeral da Igualdade, "a primeira tarefa é a formación e a sensibilización das persoas en cuias mans se atopa a posibilidade real de cambio".

Pola súa banda, o delegado da Xunta de Galicia en Ourense coincidiu con Marta González en que "a creación de empresas, e a motivación das emprededoras é unha das vías de escape que mais se están a desenvolver nestes últimos tempos marcados por un clima de crise constante" e lembrou que "o camiño do autoemprego, é unha tarefa da que non só saen beneficiadas as persoas que interveñen, senón que se enriquece toda a rede social e empresarial, e como consecuencia, toda a sociedade".

Durante esta xornada, organizada co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade, abordaranse diferentes temas como a situación das mulleres empresarias en Galicia, o autoemprego como solución en tempos de crise; as axudas e recursos existentes das administracións, obras sociais, organismos e entidades financeiras para a creación de empresas, incentivos ás mulleres empresarias; os centros especiais de emprego: a inserción a través do emprendemento; o emprendemento feminino no medio rural; e por último un panel de experiencias pioneiras, nas que mulleres empresarias falarán en primeira persoa da súa experiencia.

Contido: