Ángeles Vázquez: “a muller sempre foi o eixo dinamizador do rural”

A conselleira fixo estas declaracións no festival Gadélica que se celebra en Sargadelos, concello de Cervo, ata o domingo

Animou a asociacións como As Espalladoras a traballar por Galicia e mellorar a vida dos veciños 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2017.- A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, situou hoxe á muller como “o eixo dinamizador” do mundo rural galego. Fixóo na inauguración do festival Gadélica, promovido polas Espalladoras, unha asociación de mulleres rurais do concello de Cervo que se uniu á organización que leva o mesmo nome que o evento para celebrar un encontro multidisciplinar de cultura de vangarda no municipio.

Neste marco, a titular de Medio Rural quixo destacar o importante labor que dende sempre desenvolveron as mulleres galegas no mundo do agro e espera que agora sexan asociacións como a das Espalladoras as que tomen o relevo e poñan en valor este traballo, sempre cun único obxectivo, mellorar a calidade de vida dos veciños e fixar poboación no rural. E para lograr este reto, todas as iniciativas son benvidas, como a que se celebra ata o domingo en Sargadelos e que ten a arte como fío condutor, engadiu.

De feito, conta cun espazo museístico onde se celebran obradoiros e se expoñen obras de diferentes disciplinas de artistas como: Eos Otherre, Miguel B Bazarra, Rafa Moreno Torres, Emilie Pirard, Luis Lopez Oliveros e Elena Some Way.

O evento conta tamén con queimada tradicional, malabares e circo, zona de comida e postos de venda. Entre as actividades, desde ioga e danza, ata elaboración de mandalas personalizados e charlas sobre música.