|
A
Presidencia da Xunta de Galicia, a Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Educación e
Ordenación Universitaria, a Consellería de Innovación e Industria, a
Consellería de Sanidade e a Consellería de Medio Ambiente e
Desenvolvemento Sostible convocan anualmente premios á innovación
educativa sobre os temas transversais.
Na promoción da educación
para a igualdade entre ambos os sexos concédense anualmente dous
premios, cada un dotado con 1.500 euros.
Os materiais que opten aos premios
deben versar sobre tratamentos innovadores no ensino dos contidos
curriculares transversais nas etapas de educación infantil, educación
primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato e deben ter
aplicación práctica nos centros educativos e contribuír á mellora da
calidade educativa. Así mesmo deben ser orixinais, inéditos (ou polo
menos non comercializados) e non premiados ou que non recibiran bolsas
con anterioridade, nin sufragados pola Xunta de Galicia ao abeiro
doutros programas e ser coherentes coa normativa establecida pola Xunta
de Galicia
No caso do tema da educación para a
igualdade de ambos os sexos, valorarase nos traballos presentados a
inclusión de polo menos algún dos aspectos que se detallan a
continuación:
-
A integración transversal no quefacer docente
diario do valor constitucional da igualdade entre os colectivos de
xénero.
-
O enriquecemento do contido curricular coas
contribucións ao coñecemento humano realizadas polas mulleres no pasado e
no presente.
-
A aplicación de principios pedagóxicos de
respecto á identidade e á imaxe das mulleres.
-
A adquisición, en alumnas e alumnos, dos
coñecementos que lles permitan atender ás súas propias necesidades
domésticas e aos labores familiares compartidos, inclusive as cargas
parentais e a atención familiar das persoas dependentes.
Poderán participar nesta
convocatoria, a título individual ou en grupo, o profesorado dos centros
públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación
Universitaria que estea en activo e imparta ensino nos niveis non
universitarios.
A administración educativa
recoñeceralle ao profesorado autor dos traballos premiados ou con
mención de accésit, mediante expedición de certificado persoal, as
actividades de innovación realizadas no marco desta convocatoria. Así,
terase en conta para cada traballo a equivalencia de 50 horas de
formación permanente do profesorado, que nas autorías colectivas
distribuiranse, segundo as porcentaxes declaradas na solicitude, entre o
profesorado para o que se declare unha participación igual ou superior
ao 10%, cunha certificación individual non inferior a 10 horas.
Os premios son
convocados anualmente a través do Diario Oficial de Galicia. |