Linguaxe non sexista

A linguaxe non é unha creación persoal arbitraria; é, ante todo, un produto dunha determinada sociedade, duns modos de pensar, cunha gran influencia na percepción persoal da realidade que nos envolve.

Na nosa sociedade, desde sempre, o masculino tómase como referente da humanidade, e a lingua empregada para comunicármonos é unha clara mostra dese principio. Proba diso é que tradicionalmente empréganse palabras masculinas, tanto en singular como en plural -home, funcionarios, cidadáns-  para facer referencia a colectivos nos que están presentes tanto mulleres coma homes. Esta  formulación, como sabemos, contribúe a minimiza-la presenza das mulleres nos distintos ámbitos laborais e sociais. Calquera uso dun idioma que invisibiliza as mulleres debe ser evitado a favor, na medida do posible, de formas non sexistas de expresión.

A participación feminina en todos os ámbitos de relación abre novas vías de evolución para a lingua e ao tempo posibilita xerar conceptos e formas de expresión máis acordes coa realidade que, en definitiva, non farán senón indicar a presenza das mulleres e a consecución dunha situación social máis igualitaria.

Por iso, seguir empregando nas administracións públicas unha linguaxe sexista e discriminatoria para o colectivo feminino, supón non só un anacronismo senón, e sobre todo, a fixación de barreiras invisibles que afectan directamente ao proceso de participación das mulleres na sociedade actual e que agochan os avances que se están a dar na participación en igualdade de condicións de mulleres e homes en todas as esferas da vida.

As diferenzas debidas ao xénero son referentes sexistas actualmente en revisión, tarefa na que participan activamente as administracións públicas. As diferentes manifestacións de discriminación directa e indirecta están sendo postas en evidencia e progresivamente reducidas grazas á aplicación do principio de non discriminación a todos os ámbitos no que esta se manifesta.

Dende a área de igualdade da Xunta de Galicia aconsellamos formular propostas de cambio incorporando exemplificacións de usos non discriminatorios alternativos aos habitualmente estendidos na documentación administrativa.

No espazo de Documentación adxunta atoparás as recomendacións para o uso dunha linguaxe non discriminatoria na administración pública e nos medios de comunicación.

Asemade, están dispoñibles na Biblioteca desta web, os seguintes documentos de interese, en relación co tratamento informativo de determinadas cuestións:

Sexismo lingüístico

O sexismo lingüístico fai referencia a aquelas prácticas de discriminación a través dunha utilización do idioma non igualitaria para ámbolos sexos. É moi común emprega-lo masculino como falso xenérico englobando as mulleres e os homes; mais existen numerosos recursos a través dos cales podemos reflectir a equidade no trato a ambos os dous sexos.

SOLUCIÓNS:

1. Dobres formas do xénero gramatical e emprego das dúas formas, masculina e feminina.
O primeiro e máis simple consiste en consigna-los dous xéneros gramaticais naqueles nomes que os teñen

  • As propietarias e os propietarios
  • Os funcionarios e as funcionarias

Tradicionalmente, no caso de concordaren as dúas formas cun participio, aconsellábase o uso da forma masculina en tódolos casos. Xurdían formulacións lingüísticas erróneas como "os funcionarios e as funcionarias seleccionados". Esta non debe ser a opción xa que hai outras posibilidades máis adecuadas para a consecución dunha linguaxe non sexista, como empregar as formas persoais dos verbos.

As propietarias e os propietarios que se interesen (ben) / interesados  (mal) polas axudas económicas á diversificación de cultivos.

Se queremos evitar repeticións ou enunciados confusos, podemos optar entre recursos como:

  • Utilización de pronomes.
  • Emprego de substantivos colectivos.
  • Uso do par de xénero.

Sempre con coidado de non facermos construcións agramaticais do tipo "Os traballadores e as traballadoras seleccionados e seleccionadas..." ou "Os e as traballadoras seleccionados..."

  • Quen supere a selección...
  • As persoas seleccionadas...
  • Os e as que se seleccionen...

2. Xenéricos reais. Convén empregar aqueles nomes xenéricos que engloban a realidade social existente.

O emprego de abstractos, colectivos e xenéricos reais marca a atención nas funcións que se denotan e non nas persoas que as realizan.

Algúns termos alternativos que posibilitarán evitar usos discriminatorios serán: agrupación, alumnado, asemblea, asociación, avogacía, cidadanía, colectividade, colectivo, comunidade, dirección, equipo, funcionariado, infancia, mocidade, presidencia, profesorado, público, xente, xerencia.

  • Tódolos funcionarios deberán (mal)/ O funcionariado deberá... (correcto)
  • Os afectados... (mal)/ As persoas afectadas (correcto)
  • O director (mal)/ A dirección (ben)

3. O emprego de barras. Pode ser un recurso adecuado no caso de documentos administrativos abertos onde se descoñece a persoa interesada (formularios, fichas, impresos de solicitudes...), ou en textos breves como sinaturas ou cabeceiras de cartas.

Noutro tipo de textos o seu uso resulta un recurso pouco recomendable porque fai a lectura do texto pesada e incómoda.

  • O/a interesado/a...
  • Estimado/a...

4. Variación de pronomes. Hai outras formas de evitar as marcas de xénero como pode ser o emprego de distintos pronomes:

  • Se algún presenta unha demanda.../ Se alguén presenta unha demanda...
  • O demandante.../ Quen presente unha demanda...

5. Un uso do símbolo @ ten éxito na linguaxe publicitaria, pero é inservible na linguaxe oral e escrita. En textos administrativos non deberá empregarse e procurarase buscar outro tipo de alternativas como as mencionadas anteriormente. 

Sexismo social

Refírese ao conxunto de actitudes que supoñen unha limitación aos dereitos das mulleres na sociedade da que forman parte, negando a posibilidade das persoas de se relacionaren en igualdade de oportunidades.

Daquela, pode utilizarse o idioma de forma gramaticalmente correcta e enmascarar, non obstante, comportamentos discriminatorios, polo que debemos revisar tamén os valores que estamos transmitindo en calquera comunicación que realicemos. Algunhas suxestións neste senso serán:

SOLUCIÓNS
1. Adaptación do cargo ao sexo da persoa. A formulación en feminino vénse empregando nalgunhas profesións unidas tradicionalmente ás mulleres; sen embargo, en oficios ou profesións de maior prestixio social seguen a presentarse reticencias.

Nomear en masculino a unha muller que exerce un labor profesional invisibilizaa e comporta ademais connotacións de dificultade e ambigüidade na comunicación.

A incorporación das mulleres ao mundo laboral xustifica plenamente o emprego das formas femininas (xinecóloga, carpinteira...), ou do artigo como marca de xénero (a líder...), de acordo coa realidade social que representan.

Así pois, cómpre adaptar o nome dos postos ou cargos ao xénero de quen os ocupa.

  • Director xeral de...
  • Directora xeral de...

Na documentación administrativa, cando os cargos sexan ocupados por mulleres, a mención das titulares debe facerse en feminino: presidenta, xuíza, conselleira...

No caso de substantivos invariables (xerente, bedel), o grao de aceptación determinará o seu uso (bedel, bedela).

2. Tratamentos

Os textos administrativos teñen sido prolixos en fórmulas de cortesía, preferíndose agora un tratamento correcto e sen excesos.

A distinción entre os termos señora e señorita responde a tratamentos que indican o estado civil e que se usan exclusivamente no caso das mulleres, non considerándose necesario na lingua usar esta distinción no caso dos homes –o termo señorito ten unha compoñente pexorativa- ; non ocorrendo o mesmo co colectivo masculino, o seu uso deberá ser excluído.

3. Orde de palabras

Nos documentos administrativos, cando se menciona expresamente os dous sexos, polo xeral, o masculino aparece precedendo ao feminino. A utilización desta orde con carácter sistemático non parece sustentarse lonxe do papel secundario atribuído á muller tradicionalmente en relación coa súa capacidade para a representación social.

Alterar este costume, adiantando a mención á muller, contribuirá a modificar os estereotipos tradicionais e mesmo, ante a dúbida, pode observarse a orde alfabética.

  • Pai, nai ou representante legal
  • Nai, pai ou representante legal
  • Nome do pai... nome da nai
  • Nome da nai... nome do pai

Exemplos de uso dunha linguaxe non sexista en documentos oficiais

Como fomos vendo, existen multitude de alternativas que contribuirán a evitar formulacións sexistas na linguaxe administrativa. Calquera delas deberá adecuar o seu uso ao ámbito e ao tipo de documento de que se trate.

Na procura de mellorar a nosa expresión e adecuala á realidade social actual non debemos esquecer a opción de empregar multitude de recursos non repetitivos que brinda a propia lingua; de nós dependerá o uso que fagamos deles.

Imos ver varios exemplos de documentos abertos, nos que se descoñece o nome da persoa que os emite ou recibe, e  de documentos pechados, onde a priori se coñece a persoa emisora ou destinataria polo que a indefinición na comunicación non existe. Dependendo dos casos o tratamento será diferente.

Documento: Aviso

Comunícaselles ás persoas (1) interesadas que se abre o prazo para a inscrición no Curso de Linguaxe Administrativa, nivel medio, que se impartirá a partir do día 1 do próximo mes nas dependencias desta consellería.
Quen desexe asistir (2) deberá posuí-lo título de nivel inicial ou a validación correspondente.
Non poderá asistir o persoal (3) pertencente a outras consellerías ou departamentos.
A cualificación final será de APTA ou APTO (4) e non se expedirán certificacións de asistencia.
Consellería de Facenda
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2011

  • (1) Persoas: Hai que potenciar o uso de palabras que nos representen a mulleres e homes por igual. Persoa é un dos termos recomendados para evitar substantivos colectivos e adxectivos masculinos. Rexeitemos o uso de: *os interesados, *os traballadores, *os funcionarios.
  • (2) Quen desexe asistir: Recurso que consiste en utilizar a variación de pronomes para evitar os masculinos e outros termos excluíntes para as mulleres. Mentres non mencionemos explicitamente un dos sexos, non estaremos negando ao outro. Sempre será máis adecuada esta fórmula ca: *os asistentes,*os que desexen asistir...
  • (3) O persoal: Os xenéricos reais engloban as dúas realidades e enfocan a atención cara o grupo, non cara a quen o compón. Outras palabras recomendadas son: agrupación, asociación, cidadanía, colectivo, comunidade, equipo, funcionariado, público...
  • (4) APTA ou APTO: Todo documento oficial debe expresar a equiparación entre os sexos, especialmente aqueles que teñen a finalidade de mostrar as capacidades de mulleres e homes para participar en igualdade na nosa sociedade. Os diplomas, certificados e documentos deste xénero están suxeitos á norma coma calquera outro documento administrativo. Daquela, as certificacións de que son obxecto as persoas deberán atender ao seu sexo e garantir o seu dereito á educación e á representación social.

Documento: extracto do Diario Oficial de Galicia

SEGUNDA: REQUISITOS
Quen participe (1) no concurso-oposición, ademais de formar parte do funcionariado (2) desta administración, deberá reunir os seguintes requisitos referidos á data na que remate o prazo de presentación de solicitudes:
a) Pertencer á escala da Administración xeral, subescala de auxiliares desta administración.
b) Posuír a titulación (3) segundo o establecido no artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, ou unha antigüidade de polo menos cinco anos e ter superado o curso específico de formación.
c) Levar polo menos dous anos como funcionario/a (4)
TERCEIRA: ADMISIÓN DE ASPIRANTES
Para superar a selección, bastará con que os e as aspirantes (5) manifesten nas súas instancias que reúnen todas as condicións esixidas nas bases.
CUARTA: TRIBUNAL CUALIFICADOR
O tribunal que xulgará as probas estará constituído do seguinte xeito:
Presidencia (6): quen a exerza na corporación ou representante dela en quen delegue.
Secretaría: quen a exerza na corporación ou, de ser incompatible, outra persoa doutra entidade con voz e voto.
E dúas persoas, funcionarias (7) de carreira, con voz e voto, de igual ou superior titulación á da praza convocada.

  • (1) Quen participe: variación de pronomes para potenciar formas sen marca de xénero fronte a relativos con artigo (*os que participen) ou ao adxectivo, que requiriría a variación de xénero (*os e as participantes).
  • (2) Funcionariado: colectivo recomendado cando se mencione o grupo de persoas, homes e mulleres, que forman parte do corpo profesional da administración autonómica.
  • (3) Posuír a titulación: as frases e estruturas verbais poden axudarnos a evitar termos marcados en masculino e a reducir ou administrar con moderación a presenza de barras. O obxectivo principal nun documento deste estilo é utilizar equilibradamente todos os recursos ao noso dispor.
  • (4 e 5) funcionario/a; os e as aspirantes: que evitemos recargar los textos coa barra non significa que non poidamos usala. Neste caso, completa outros recursos xa utilizados a través da dobre marca de xénero nos adxectivos. Outro caso similar é o de substantivos e adxectivos que expresan a variación xenérica a través do artigo. É o caso de aspirante, palabra coa que debemos utilizar o par de xénero.
  • (6) Presidencia: sempre é recomendable a mención ás entidades, especialmente cando se descoñece quen ostenta os cargos.
  • (7) O xénero de funcionarias concorda con persoas, que é feminino. Debe desbotarse o seu uso, frecuente por outra banda, en masculino.   
     

Algúns exemplos prácticos para substituír o falso xenérico masculino por outros termos da lingua con valor xenérico real

En lugar de:                                                         É conveniente usar:
A orixe do  home                                                 A orixe do ser humano
                                                                            A orixe da especie humana
Todos os homes son iguais ante a lei                 Todas as persoas son iguais ante a lei
                                                                            Todos os individuos son iguais ante a lei
A historia dos homes                                           A historia da humanidade
                                                                            A historia do xénero humano
Os dereitos do home                                           Os dereitos humanos
                                                                            Os dereitos das persoas
Homes de estado que fixeron historia                 Estadistas que fixeron historia

Solucións mixtas

Tamén podemos recorrer á duplicación, é dicir, á presenza conxunta do feminino e do masculino (sen dar unha preferencia sistemática na orden ao masculino nin ao feminino).

En lugar de:                                                      É conveniente usar:

Os dereitos do home                                       Os dereitos das mulleres e dos homes
O denunciante                                                 A persoa que denuncia
O interesado                                                   A persoa interesada
O infractor                                                       A persoa infractora
O que subscribe                                              Quen subscribe
O propietario…                                                Propiedade de…
Veciño de…                                                     Con domicilio en…
O portal do cidadán                                        O portal cidadán
Manual do usuario                                          Manual de uso
Buzón do cidadán                                           Buzón cidadán
Web do visitante                                            Web de visitantes
Oficina de atención ao cidadán                      Oficina de atención á cidadanía
Os cidadáns                                                   A cidadanía
Os funcionarios                                              O funcionariado
Os solicitantes                                               As persoas que o soliciten
Os traballadores contratados                       O persoal contratado
Os afectados                                                 As persoas afectadas
Os seleccionados                                          As persoas seleccionadas
Os candidatos                                               As persoas que presenten súa candidatura
Os vellos                                                       As persoas maiores
Os gardas urbanos                                       Os efectivos da garda urbán
O traballador:                                               O traballador / a traballadora
Os administrativos                                        As administrativas e os administrativos
Os dereitos dos nenos                                 Os dereitos dos nenos e nenas
                                                                     Os dereitos da infancia
 

O uso non sexista da imaxe nos medios de comunicación

A imaxe tamén é contido. Cada vez máis as fotos teñen máis función informativa que decorativa, pero sexa cal sexa a súa función non deben axudar a manter estereotipos sexistas. Por exemplo, se baixo o título "Vivir en familia", que é neutro, hai imaxes que presenten modelos familiares distintos ao estereotipado pola sociedade, no que as mulleres se ocupan en solitario de todas as tarefas do fogar e do coidado ás persoas que viven nel, a imaxe non será só decorativa, senón que engadirá unha información importante para o discurso textual e apoiará a intención igualitaria da información.

A linguaxe gráfica é a primeira que entra pola vista; da lectura que fagamos dela, a miúdo dependerá que pasemos ao texto ou desestimemos uns contidos, pensando que non nos ateñen ou que non nos representan. Por iso a elección de fotografías, iconas e cores nas webs públicas teñen que ser coidadas.

As imaxes da web deberán:

  • Visibilizar ás mulleres (evitando o uso da figura masculina como xenérico que pretende representar a todos os seres humanos)
  • Visibilizar adecuadamente ás mulleres e aos homes (sen caer en estereotipos e imaxes caducas que presentan a unhas e outros nos mesmos roles familiares e sociais, en tipos de actividades encasilladas, ou accións levadas a cabo, etc...)

O feminino invisible
Cando o xénero gramatical masculino é usado nos textos con valor xenérico se invisibiliza ao xénero feminino. Coas imaxes acontece o mesmo, e para evitalo recomendamos:

  1. Garantir a paridade na frecuencia de aparición de homes e mulleres en ilustracións e fotografías
  2. Evitar a ausencia, e polo tanto a invisibilidade, de mulleres e homes en determinados ámbitos públicos e privados.
  3. Evitar o uso de iconas de connotación masculina e potenciar o uso de iconas que visibilizen ambos xéneros, ou ben con sentido neutro simbólico.

O feminino secundario
Pero non só se trata de visualizar as mulleres, tamén hai que facelo adecuadamente, xa que os estudos demostran que tanto a publicidade como os medios de comunicación en xeral reflicten unha sociedade sexista e estereotipada, unha mirada parcial do mundo real que deberíamos evitar reproducir nas nosas webs. Para iso, recomendamos:

  1. Facer un trato igualitario da categoría das participacións de homes e mulleres nas imaxes: revisar que accións realizan unhas e outros, espazos e escenarios que se lles atribúen por razón de xénero, xerarquías en actividades familiares, domésticas e laborais, de participación política e social, recreativas, deportivas, etc.. Do que se trata é de presentar mulleres e homes compartindo protagonismo e actividades diferentes, sen facer discriminación.
  2. Equiparar a distribución do protagonismo gráfico de homes e mulleres na web: tamaño das imaxes, xerarquía de imaxes na estrutura de web. 
  3. Evitar a caracterización e valoración estereotipada do masculino e do feminino: imaxes resultante de xuízos de valores estereotipados, emocións e sentimentos atribuídos ás mulleres ou aos homes; patróns de comportamento propostos para homes e mulleres, etc... 
Feitos vitais: