A Xunta salienta que a contribución das mulleres emprendedoras é imprescindible para volver a senda do crecemento económico

O vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda, clausurou o Foro “Emprender en Feminino”

O Goberno galego reafirma o seu compromiso cos proxectos empresariais lideradas por mulleres mediante o reforzo das liñas de axuda para 2014

O orzamento do programa Emega increméntase un 14 por cento o vindeiro ano, con especial atención ás iniciativas das universitarias e das mulleres do rural

  • Alfonso Rueda clausurou o foro Emprender en Feminino | Autor: Conchi Paz
  • Alfonso Rueda clausurou o foro Emprender en Feminino | Autor: Conchi Paz
  • Alfonso Rueda clausurou o foro Emprender en Feminino | Autor: Conchi Paz

Santiago, 20 de decembro de 2013.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou hoxe o compromiso do Goberno galego coas mulleres emprendedoras que se manifesta no reforzo das liñas de axuda previstas para o vindeiro ano 2014, ao tempo que salientou que a súas aportacións resultan imprescindibles para impulsar a actividade económica e que, polo tanto, benefician ao conxunto da sociedade.

Con motivo da clausura do foro “Emprender en Feminino”, Alfonso Rueda, recoñeceu a importante aportación das galegas –sobre todo as campesiñas e as mulleres do mar- á economía do noso país, unha dinámica que segue vixente hoxe en día. Na súa intervención o vicepresidente expresou que a Xunta seguirá apoiando de forma decidida todas as accións necesarias para fomentar o emprego e o emprendemento feminino, con especial atención ao ámbito rural.

Nesta liña, cómpre salientar que orzamentos autonómicos para 2014 contemplan un incremento do 14 por cento nas partidas destinadas ao programa Emega, de financiamento de iniciativas empresariais lideradas por mulleres, ben sexa para novos proxectos como para a consolidación doutros xa en funcionamento.

Desde a Vicepresidencia da Xunta tamén se prevé reforzar o apoio a aqueles proxectos innovadores con base tecnolóxica que sexan promovidos por universitarias, incentivar o emprendemento orientado ás mulleres rurais e complementalas con outras liñas que abran novas oportunidades de mercado.

Todas estas medidas son fundamentais para promover a igualdade real entre homes e mulleres, pero sobre todo, segundo subliñou Alfonso Rueda, son imprescindibles para volver á senda do crecemento económico.

A maiores das liñas específicas para este colectivo, as mulleres galegas tamén se poden beneficiar das iniciativas da Xunta para o conxunto dos emprendedores. Neste senso cómpre lembrar a nova Lei do Emprendemento –que acaba de aprobar o Parlamento de Galicia- ou o fondo dotado con 10 millóns de euros que a semana pasada aprobou o Consello da Xunta e co que se poderán poñer en marcha un cento de proxectos ao longo do próximo ano.

O foro “Emprender en Feminino” foi inaugurado esta mañá pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que presentou unha ponencia na que fixo un diagnóstico da situación da muller en Galicia e a súa relación co mundo empresarial. Así mesmo, López Abella fixo fincapé nas liñas de apoio ao emprendemento dirixidas sobre todo ás universitarias e ás mulleres do ámbito rural.