A Xunta destina preto de 200.000 euros para renovar a colaboración co Colexio Oficial de Psicólogos na atención ás mulleres que sofren violencia de xénero

Este ano, o importe do convenio acada preto dos 200.000 euros, o que supón un incremento do 30 por cento respecto á dotación inicial do ano pasado, que a  finais de ano foi aumentada con 45.000 euros máis

Dende o ano 2009, máis de 2.589 mulleres, 924 menores, 136 persoas dependentes e 579 homes foron beneficiarios destes programas

Tamén se ofrece atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar a través do programa “Abramos o Círculo” con atención psicolóxica especializada e de apoio

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para a atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero, as súas fillas e fillos menores, e a outras persoas do seu ámbito familiar que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero. O convenio tamén recolle un programa de atención psicolóxica a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar.

Dende o ano 2009, un total de 3.649 persoas foron beneficiadas polo programa de atención psicolóxica, das cales foron 2.589 mulleres, 924 menores e 136 persoas dependentes. E grazas ao Programa Abramos o Círculo, foron atendidos 579 homes con problemas de control da violencia.

Ambos programas contan cunha persoa profesional da psicoloxía que os coordina, e cunha rede de profesionais que levan a cabo a intervención profesional que comprenden asistencias e consultas ás persoas beneficiarias, asistencia oral en xuízo por parte das psicólogas e psicólogos do programa. E dende o ano 2014, inclúese en ambos programas a garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala.

Inclúese ademais no convenio, a cobertura da asistencia domiciliaria urxente en caso de morte ou agresións especialmente graves por causa de violencia de xénero, sempre que sexa preciso, e en coordinación co grupo GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias), así como a colaboración co Centro Autonómico de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, no apoio terapéutico e psicolóxico das súas usuarias. Desde o ano 2014, en que se incluíu no convenio a dita cobertura urxente en caso de morte/asasinato por violencia de xénero, en coordinación co grupo GIPCE, e ata o 31 de decembro, o servizo activouse en 14 ocasións.

Así mesmo, en relación co GIPCE, cómpre sinalar que o convenio co Colexio de Psicoloxía para dar unha resposta psicolóxica en emerxencias e catástrofes, ten previsto un importe para o 2017 de 50.000 euros, o que supón un incremento do 127 por cento con respecto ao ano anterior.

Atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero

O programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero é para as e os menores e outras persoas dependentes que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero, iniciouse no ano 2004 e está dirixido a aquelas mulleres que estean a sufrir ou teñan sufrido violencia de xénero, coa finalidade de ofertarlles recursos terapéuticos que lles axuden a afrontar a situación que sufriron e a reforzar a súa autoestima, ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que teñan pasado pola mesma situación.

O programa conta cunha psicóloga coordinadora e unha rede de profesionais que levan a cabo a súa intervención en toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, préstase un servizo telefónico de asesoramento e derivación para a atención terapéutica personalizada.

Abramos o círculo

Desde o ano 2001, a Xunta de Galicia colabora co Colexio no programa “Abramos o Círculo”, dirixido a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar, mediante un programa de atención psicolóxica especializada e de apoio dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella, coa súa familia, e que desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade.

O programa ofrece dúas áreas de intervención: información e atención, e intervención psicolóxica personalizada. Conta cun/cunha psicólogo/a coordinador/a e cunha rede de profesionais que levan a cabo a intervención profesional e inclúe a garantía de acceso ás persoas con discapacidade auditiva e/ou da fala.