Igualdade quere sensibilizar a xuventude sobre a prostitución como forma de violencia e explotación

Unha xornada formativa sobre a trata e a explotación sexual, aberta a toda a cidadanía, será o acto principal da xornada. A mensaxe da campaña deste ano ten como obxectivo concienciar a poboación de que a prostitución é unha forma de violencia contra as mulleres e de fomentar as mafias que se dedican a explotación sexual.

Multimedia

"Cando mercas mulleres fomentas a súa venda. Non formes parte desta cadea de tortura" é a mensaxe que elixiu a Secretaría Xeral da Igualdade con motivo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, que se celebra o próximo 23 de setembro, no que organiza unha xornada sobre o tema na que se abordarán temas como a protección as vítimas ou o turismo sexual.

Este ano a campaña ten coma obxectivo sensibilizar sobre a prostitución como destino das persoas vítimas de trata e como forma de explotación sexual e violencia contra as mulleres. O público desta mensaxe son os mozos máis novos; por iso, distribuiranse nas universidades carteis e folletos coa mensaxe: "Cando mercas mulleres fomentas a súa venda. Non formes parte desta cadea de tortura".

"É preciso sensibilizar e concienciar a xuventude de que o consumo de prostitución é unha forma de colaborar coa explotación sexual e a violencia contra as mulleres. É importante que as novas xeracións tomen conciencia diso, son o futuro e a nosa responsabilidade é axudar a que se desenvolvan sen estereotipos machistas, sen considerar a prostitución e a trata de persoas como algo normal ou inevitable. Deben ser capaces de ver que se trata dunha forma máis de violencia contra as mulleres, normalizada mediante o diñeiro, que serve de tapadeira ás mafias", explicou a secretaria xeral da Igualdade, Marta González.

Para lembrar a terrible violación dos dereitos humanos que supón a explotación sexual e a trata de persoas, o departamento de igualdade do goberno galego tamén celebra nese día unha xornada de formación para abordar o asunto, que está aberta a todas e todos os cidadáns.

A xornada, que se realizará na Escola galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago, será inauguradas pola secretaria xeral da Igualdade, Marta González, polo director xeral de xustiza, José Martín Álvarex, e o director da Escola Galega de Administración Pública, Pablo Figueroa.

Nela abordaranse temas como a "Definición e encadre do delito de trata con fins de explotación sexual"e "A sensibilización e incidencia das políticas públicas na erradicación da trata e a proteccións das vítimas", a través de senllas conferencias impartidas pola profesora titular de Dereito Penal da Universidade Autónoma de Barcelona, Mª José Rodríguez Puerta, e dun representante do Proxecto Esperanza, respectivamente.

Ademais, a xornada concluirá cunha mesa redonda sobre turismo sexual, que contará coa participación do catedrático interino en Dereito Administrativo da Universidade de Extremadura, Pedro Brufau Curiel, a responsable de proxectos da ONG Rescate Internacional, Azahara Montero Magarín e a vicepresidenta da Asociación Catalana para la Infancia Maltratada - Child Prostitution, Child Pornography and Trafficking of Children for Sexual Puposes, Ana Sebastián.

Ao día seguinte, no Museo Pedagóxico de Galicia, celebrarase a xornada "Adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual" nesta ocasión destinada a persoas que traballan neste ámbito, na que se abordará a explotación sexual e a trata dende un punto de vista xurídico, o protocolo de actuación asinado a finais de 2009 pola Xunta de Galicia e Fiscalía Superior de Galicia, e os recursos existentes a disposición das vítimas.

Esta xornada será inaugurada polo conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Angel Cadenas, o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela e a secretaria xeral da Igualdade, Marta González.