Fernando Romay e Marta Bobo falaranlle ás nais e pais sobre a importancia do deporte en igualdade

Un dos obxectivos é transmitirlles ás familias a importancia de apoiar a libre elección e participación das súas fillas e fillos na práctica deportiva, evitando estereotipos de xénero que mediaticen a dita práctica. A xornada está aberta a todas as familias galegas que poderán practicar deportes tradicionais e alternativos.

Multimedia

A Secretaría Xeral da Igualdade celebra mañá a undécima edición da 'Xornada de Nais e Pais Educando en Igualdade', que este ano estará dedicada á coeducación no deporte, e na que participarán familias e profesorado, e que terá como participantes destacados ao ex xogador de baloncesto Fernando Romay e á ximnasta galega Marta Bobo, que falarán sobre a importancia do deporte en igualdade.

Esta xornada, que se inserta no ámbito das políticas de coeducación que desenvolve a Xunta de Galicia, quere incidir na idea de colaboración entre a institución familiar e a escolar no ámbito da educación en igualdade. Unha colaboración que a Secretaría Xeral da Igualdade quere facer extensiva a todas aquelas institucións con responsabilidade en políticas de dirección e xestión no eido deportivo, de cara á promoción e organización de actividades deportivas non sexistas.

"A educación en igualdade é o noso obxectivo, pero tamén unha cuestión de concienciación á que esperamos contribuír para así conseguir que se torne en realidade", indicou a secretaria xeral da Igualdade, Marta González.

Un dos obxectivos é tentar transmitirlles ás familias o importante labor que poden realizar co fin de apoiar a libre elección e participación das súas fillas e fillos na práctica deportiva, evitando estereotipos de xénero que mediaticen a dita práctica. De cara ao profesorado, quérese incidir na importancia de potenciar a coeducación nas clases de educación física para que se dean unhas relacións de xénero máis simétricas; para que tanto as rapazas como os rapaces se sintan a gusto nelas e teñan as mesmas oportunidades de expresarse a través do deporte.

Durante a xornada, que terá lugar mañá 2 de outubro nas instalacións de INEF Galicia na praia de Bastiagueiro (Oleiros-A Coruña), as nais e os pais poderán participar nunha mesa redonda e coloquio sobre "Deportes para todas e todos", na que participarán a directora do Seminario Muller e Deporte do INEF de Madrid, Elida Alfaro, o ex xogador de baloncesto e dinamizador do deporte escolar, Fernando Romay, a ex deportista de elite na ximnasia rítmica e profesora do INEF de A Coruña, Marta Bobo e a profesora da facultade de C.C. Educación e do Deporte de Pontevedra, Marián Fernández, moderados por Francisco Guede, profesor de primaria do colexio público de Verín.

En paralelo, as cativas e cativos realizarán un circuíto de actividades en función dos anos. Xogos recreativos para o grupo de 3 a 5 anos, xogos deportivos para os de 6 a 9 anos e xogos alternativos para as miúdas e miúdos de entre 10 e 12 anos.

As actividades conxuntas estarán centradas na práctica de diferentes deportes e actividades que as familias practicarán en conxunto; ademais ao longo da xornada realizaranse actividades de multiaventura e de exhibición que se realizarán en parellas, como tiro con arco e tutelo, escalada no rocódromo ou orientación deportiva.

Tema: